No centenario de Xoán Vicente Viqueira: a educación en galego e aberta ás mulleres

O 29 de agosto de 1924 morría prematuramente en Bergondo, aos 37 anos de idade, o filósofo e pedagogo Xoán Vicente Viqueira. O centenario do seu pasamento constitúe unha excelente ocasión para volver ler os seus ensaios, nos que amosou unhas posicións moi avanzadas para a súa época en cuestións relacionadas coa defensa da lingua galega e a educación. Formado na Institución Libre de Enseñanza e en universidades francesas e alemás, foi membro activo das Irmandades da Fala e cultivou tamén a poesía. A Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras Galegas de 1974 e, ese mesmo ano, a institución editou Xoán Vicente Viqueira. Escolma de traballos, dispoñible na sección de publicacións de academia.gal.

O volume inclúe unha introdución do académico correspondente Emilio González López sobre o catedrático de Filosofía bergondés e presenta, entre outros textos, o ensaio Nosos problemas educativos, no que Xoán Vicente Viqueira pretendía achegar a súa propia contribución á “obra da renascencia galaica”. O autor defendía con claridade nestas páxinas escritas en 1918 a presenza do galego na escola: “O que nos importa é que o galego non quede, non fique, totalmente relegado, e que se estime no seu actual verdadeiro valore. É decir: que se insine e sirva para insinar”. Sobre esta cuestión tamén escribiu artigos na prensa da época como A fala no enseño e Verbes d'un mestre. A nosa escola, publicados n'A Nosa Terra un ano antes. Ambos os textos poden lerse no primeiro volume de Ideas, propostas e debates sobre a lingua (1916-1936), dispoñible tamén na sección de publicacións da RAG.

Ao longo de Nosos problemas educativos, Xoán Vicente Viqueira propuña medidas para mellorar na Galicia das primeiras décadas do s. XX a formación dos mestres de primaria –cuxa tarefa “non é de ningunha maneira inferior â do profesor da Universidade”, declaraba–, e reformar non só a escola primaria, senón tamén o ensino técnico, o bacharelato e a universidade. Esta última debería dotarse dunha cátedra de lingua e literatura galaico-portuguesa, completando así unha aposta polo idioma propio que abranguía todas as etapas educativas.

“Creio conveñente que para obter o grado de Doctor, si esta materia se exige, que as teses se escriban en língoa galega. N’o insino secundario pode combinarse mui ben o traballo do castelao co-o traballo do galego. Tamén recordarei agora que debe insinarse o galego aos técnicos, pois precisan del, como é evidente, na vida práctica. Dirán quizaes algunhas gentes ¿Por que esta obsesión do galego? Endejamais fatigarei de espor os motivos, as razós de por qué o noso probrema lingüístico é de suma importancia. O primeiro motivo é que a língoa é un anaco da nosa alma coleitiva, do que ningunha lei humana poderá obrigar a desprendernos. O segundo motivo é que a división lingüística trai consigo unha división cultural perigosa na Galicia (...). Ainda hai outro motivo para o cultivo e afirmación da nosa língua. O galego, pol-a súa somellanza co-o portugués, é un instrumento de comunicación internacional que á España enteira lle convén cultivar e conservar. Un galego bilingüe ten mais probabilidades d’éxito no mundo que un galego que non coñeza máis qu’o castelao”, argumentaba.

A educación da muller
Xoán Vicente Viqueira dedicoulle un apartado específico de Nosos problemas educativos á educación da muller. “O abandono da cultura da dona non é sô unha falla, senón tamén unha injusticia. (...) Non poderá ser d’outro geito na terra que atopóu súa cantaron na inmortal Rosalía de Castro, a quen todos os galegos rendimos un verdadeiro culto. Aínda máis; quedaremos retardados na historia do mundo senón nos preocupamos da educación feminina”, advertía. 

O pedagogo postulaba a creación de institutos femininos que respondesen ás “exigencias pedagógicas modernas” e que lles desen ás mulleres “preparación para cantas profesiós poidan desempeñar”. “Non se trata d’unha Universidade feminina que non creyo faga falla. Nen na Francia nen na Alemaña existen; alí estudan as mulleres n’as Universidades d’os homes, si asín se pode falar”, aclaraba. “Trátase d’unha institución que veña a servir de base para a educación gêral e, en certo modo, profesional da muller, algo certamente transitorio que nos deixe libres as máns para ulteriores e millores reformas”, concluía.