No cabodano de Martínez-Risco

O xurista, avogado e poeta coruñés Sebastián Martínez-Risco y Macías, finado na Coruña o 24 de setembro de 1977, foi tamén o presidente da Academia entre 1960 e 1977.
Martínez Risco dando unha conferencia
Martínez-Risco dando unha conferencia nas Xornadas Patrióticas Galegas celebradas en Bos Aires o 22 de xullo de 1975


Nado en Ourense en 1899 e curmán de Vicente Risco, a obra poética de Sebastián Martínez-Risco y Macías encádrase na chamada Xeración de 1925, da que formaron parte tamén autores como Cabada Vázquez ou Crecente Vega. Home fondamente comprometido coa cultura galega do seu tempo, participou na fundación da Editorial Galaxia en 1950, e publicou numerosos estudos sobre a xurisprudencia tradicional galega.

A entrevista que reproducimos aquí foi publicada no número 30 da revista Galicia Emigrante editada en Bos Aires en setembro de 1957 e dirixida por Luís Seoane. Exerce como entrevistador Salvador Lorenzana, pseudónimo de Francisco Fernández del Riego, membro numerario da Academia a partir de 1960 e presidente da mesma entre 1997 e 2001. No transcurso do seu diálogo, Martínez-Risco analiza as peculiaridades do dereito galego tradicional, o estado das investigacións sobre este campo e o seu tratamento literario.

"A restauración da fé na xusticia virá cando nos nosos aldeáns deixen de sentir o desamparo da Lei", conclúe Martínez-Risco, unha declaración de principios moi arriscada naquel tempo.