As contribucións de Antón Santamarina e Xesús Ferro Ruibal céntranse no labor de Nicandro Ares como estudoso da toponimia. O Seminario de Onomástica da RAG, ao que ambos os dous pertencen, recompilou en 2012 en dous volumes todos os estudos sobre a toponimia galega do académico correspondente, que abranguen case cinco mil nomes de lugar de 36 dos 47 concellos da provincia de Lugo. "Hoxe contamos cun corpus de traballos toponímicos moi notable e de solvencia equiparable á de calquera outro dominio europeo. (...). E un dos alicerces máis firmes é o que proporciona a obra de don Nicandro", salienta Antón Santamarina. "Podo asegurar que arredor da súa persoa, sexa no aspecto humano sexa no aspecto académico, hai unanimidade absoluta: era un home bo e sabio", engade.
Xesús Ferro Ruibal define na mesma liña a Nicandro Ares como "mestre da onomástica galega". A súa obra, subliña, é en parte autodidacta: "coma algún outro crego lugués, el formouse rompendo a cabeza con documentos dos arquivos eclesiásticos lugueses e lendo os traballos da filoloxía románica e alemá".
Don Nicandro Ares. Bo e sabio reúne tamén estudos sobre o autor de Argimiro López Rivas, Felipe Arias Vilas, Enrique Jorge Montenegro Rúa, Manuel Rodríguez Sánchez e Ricardo Polín; e mais testemuños de Adolfo de Abel Vilela, Xosé López Díaz, Anxo González Guerra, Gregorio Ferreiro Fente e Xoán Carlos García Porral.