Nélida Piñón, escribir Galicia no Brasil

A escritora brasileira de orixe galega Nélida Piñón (Río de Xaneiro, 1937) fará o seu ingreso como membro de honra na Academia o vindeiro 27 de setembro.
Nélida Piñón
Nélida Piñón


A influencia do legado galego na súa formación persoal e quefacer literario, así como a situación actual da lingua son algúns dos temas que tratamos nesta entrevista.

Vostede ten reclamado moitas veces con orgullo a súa orixe galega, que importancia tivo este feito na súa formación persoal e intelectual?
O lar galego non me oprimía. Non establecía normas que eu debese seguir de xeito ríxido. Grazas a esa liberdade, deixeime seducir polas diversas formas de arte e exercín a imaxinación sen temor. Fun gañando a singular noción de non pertencer a un só país, pois herdara Galicia, que había gañar cos anos unha importancia vital na miña constitución persoal e intelectual.

Descubrín cedo que pertencer a dúas culturas outorgábame o dereito de circular libremente por Brasil e Galicia. E aínda polas civilizacións antigas que sempre me inspiran devoción. Tornárase un privilexio para min ter os gregos clásicos sentados comigo á mesa de xantar, xunto co polbo e o cocido que exaltaban a miña memoria.

Oriúnda desta casa galega no Río de Xaneiro, onde cabían a península ibérica e o continente americano, sospeitei que no mundo existían mil culturas distintas que estaba obrigada a coñecer a fin de me aproximar ao meu epicentro e ao da lingua lusa. Finalmente, a cultura de cadaquén aliméntase do fogo de todas as culturas. Non podendo, por tanto, esquecer o pouco que dominamos os asuntos humanos, e que nin mesmo unha enciclopedia esclarece o que o corazón fala en sordina e eu escoito.

Na miña primeira visita a Galicia, entre os dez e os doce anos de idade, gocei dunha felicidade inaudita, de carácter universal, que me instaba a percorrer o campo galego, a visitar o Pé da Muá, o monte de Cotobade, como se fora dona de extensas terras imaxinarias, a dedicar a Galicia un amor de carácter inmutable, incapaz de se disipar.

Aprendía que era insuficiente coñecer o meu século e a miña circunstancia temporal. Era preciso visitar os séculos pretéritos para entender o meu propio enredo, as intrigas da corte, e escoitar as historias que me contasen, ou que eu había contar.

A República dos Soños narra vostede unha experiencia moi recorrente na historia galega contemporánea, a da emigración, neste caso ao Brasil, exemplificada nas vidas de Venancio e Madruga que, dalgún xeito, encarnan proxectos vitais opostos. Que pegada deixou o fenómeno da emigración galega na súa formación literaria?

Nélida Piñón
Nélida Piñón

Estou convencida de que para ser unha muller moderna, unha escritora do seu tempo, é forzoso ser arcaica. Isto é, chegar á Ítaca, de Homero, antes de Ulises atracar na illa con dez anos de retraso. Non sendo así, como ser brasileira e galega simultaneamente, se non bato antes na porta de Homero para que me transfira os sentimentos do mundo que o vate recrutou nos seus momentos literarios?

Ter viaxado desde a infancia á terra da familia constituíu un refrixerio. Permitiume rozar o corazón da poesía galega e da miña imaxinación e instigoume a establecer audaces analoxías entre o novo e o antigo, facendo da vida parte real do meu universo. Así, xamais din esquecido a escena na que un labrego de Cotobade refregaba na superficie da boroa un cacho de touciño dun porco que fora criado na cada do avó, alá en Burela, e que me consolidou o mundo narrativo. Estimuloume a compor a novela A República dos Soños, unha saga ou unha épica que cubre dous séculos do Brasil e outros tantos séculos da traxectoria galega.

O drama da emigración galega, presente na novela, salienta a descuberta de América por parte dos milleiros de galego que participaran na ruta da utopía individual e colectiva. A familia, porén, que chega á América tórnase o pretexto narrativo. Fundidos co Brasil, levan consigo o fardo da nostalxia de quen perdeu unha terra sen tempo para construír outra que a substituíse.

Os personaxes son, en certo sentido, arquetipos. En cada corpo, concéntranse outros. Submisos a unha acción que propicia ás veces o advento da ilusión, eles loitan por un certificado de existencia e de credulidade que os arranque da escuridade que persegue o emigrante. Esta familia, galega e brasileira, ten a esperanza, con todo, de revitalizar o Brasil e unha Galicia que vai deixando, aos poucos, de existir para eles. É, ademais, mediante este estrañamento do corazón, a maneira que teñen estes emigrantes de redimensionar a realidade que os tornou estranxeiros onde queira que estivesen aloxados.

Vostede tomou posición, en multitude de ocasións, a prol da lingua galega, da súa dignidade e autonomía, podería describirnos como foi o seu proceso de toma de conciencia sobre este feito?
Desacóugame a situación lingüística en España. O exacerbado combate das súas linguas pola supervivencia, para non seren abolidas ou esquecidas. Constato como o galego, lingua soberana, reacciona. Finalmente, é unha lingua que corresponde, en todas as instancias, aos requisitos da arte, da poesía, da vida. Centrada no pensamento, no corazón, no cotián do ser galego, cada sílaba súa leva consigo o sabor do leite materno.

Esta lingua leva no seu cerne profundo a marca indeleble da orixe común co portugués. Malia ser o galego irmán da lingua lusa, o idioma conserva a súa autonomía lingüística. Non os cingue unha alianza política, mais a suma das súas coincidencias lingüísticas e históricas.

O español é, sen dúbida, un precioso ben común, sen prexuízo do resto das linguas de España. Non vexo por que a vixencia, o recoñecemento, e a autonomía lingüística do galego, esixa o empobrecemento do uso pleno do castelán por parte dos galegos. E que se fale o castelán con acento ou erros gramaticais. Eu, por exemplo, desexaría falar á perfección todas as linguas do mundo, para mellor asumir a cidadanía universal, mentres falo e penso.

Por último, que importancia tivo a emigración na conformación da identidade brasileira e, nomeadamente, a galega?
O Brasil é unha patria sincrética. Preserva, no seu imaxinario, unha noción estética orixinal proveniente da súa propia mestizaxe. Desde a súa fundación cultural, antes e despois dos portugueses, creouse un mundo que rende culto a varios deuses e, ao mesmo tempo, abraza a ilusión como tema. Así, é posible atopar, nos seus fundamentos antropolóxicos, vestixios poderosos e achegas culturais de todas as procedencias étnicas.

Os emigrantes que alí chegaron son responsables en gran medida do crecemento do Brasil. Trouxeron canda si e fomentaron ideas, prácticas, culturas, hábitos que axudaron a modernizar o país. Ao se introduciren, entre eles os galegos, na psique brasileira a través da súa propia acción e dos seus descendentes, deixaron marcas e rastros xenerosos no substrato nacional, e deste xeito pasaron a formar parte da identidade brasileira ata tornar difícil o establecer o grao da súa influencia e da dos seus descendentes.