'NAVY BAR' de Manoel Antonio

Na súa Escolma de poesía galega IV (Os contemporáneos) Francisco Fernández del Riego recolleu quince composicións do poeta rianxeiro.
Manoel Antonio
Manoel Antonio (Casa-Museo Manuel Antonio)


Na nota biográfica sen asinar que introduce os poemas de Manoel Antonio, o probable antólogo, Fernández del Riego, deixounos escrito o seguinte:

Deu comezo á súa carreira lírica compoñendo versos modernistas, moi xeitosos, que sempre rachaba despois de escritos. Lía asiduamente as revistas literarias francesas de avangarda. Cando a guerra europea colleulle uns pesos á nai, e marchou a se alistar á Lexión estranxeira. En Barcelona detivérono, e volvérono ao colo da nai: era un neno. Sabía música, tocaba o violín, transcribía as cancións populares, e gostaba de ensaiar versos con consonancia nas consonantes.

NAVY BAR

Este bar ten balances
e tamén está listo
pra se facer á vela.
Enchéronnos o vaso
con toda a auga do Mar
pra compor un cock-tail de horizontes.
Pendurados das horas
atlas xeográficos de esperantos
están sin tradución
e tatexan as pipas
co ademán políglota das bandeiras.
Ese cantar improvisado
é o mesmo
que xa se improvisóu nalgures.
Quen chegou avisándonos
desa cita noiturna que temos
co vento ao NE
na encrucillada das estrelas apagadas?
Eiquí bebe de incónito
o Mariñeiro Descoñecido
-sin xeografía nin literatura-
A noite dos naufraxios
co seu brazo salvavidas
aferrará connosco unha vela de chubascos.
O vaso derradeiro
estaba cheo de despedidas.
Polas rúas dispersas íamonos fechando
cada un dentro da súa altamar.
No repouso dalgún vaso
tódalas noites naufraga o Bar.

Escolma de poesía galega IV. (Galaxia, 1955)