Situémonos na realidade política e cultural da década dos anos setenta para contrastarmos a presenza actual da literatura infantil, e da lingua galega en xeral, no mundo escolar coa que se rexistraba en 1973, ano en que Ediciós do Castro publica Mar adiante de María Victoria Moreno. Daquela, co galego ausente do sistema de ensino oficial, unha simple rotulación na aula sobre o Día das Letras Galegas –nos poucos encerados afortunados– xa se sentía como un acontecemento. E publicar unha redacción na sección do concurso "Galego na escola", que por 1972 organizaban o Faro de Vigo e Galaxia, parecía un imposible. Era un tempo en que, fronte á actual abundancia de material pedagóxico, todo estaba por facer; pero, asemade, resultaba ilusionante.
Hoxe, cando a dimensión docente directa da escritora homenaxeada, ao lado da estritamente literaria, está sendo recoñecida, voume achegar con esta nota a outro aspecto non menos importante e transcendente, o da actividade escolar que se desenvolveu arredor do seu primeiro libro, nun momento en que a pouca bibliografía en galego editada posuía para a inmensa maioría do maxisterio o don da invisibilidade. Xa que logo, mencionarei algunhas lembranzas relacionadas coas singraduras a bordo do ARROÁS, desde a data da súa botadura ata a aparición de Leonardo e os fontaneiros, unha das tres novelas galardoadas en 1985 na segunda edición do Premio "Barco de Vapor"; ano en que xa contabamos coa nosa lingua incluída oficialmente nos plans de estudo e a literatura infantil empezaba a tomar corpo.
Nos tempos en que María Victoria era premiada por "La Casa de la Marías" (Jogos Florais Minho-Galaicos, Associação Cultural e Recreativa O Convívio, Guimarães, 1970-71) e mais por "Crarisca e os luceiros" (Concurso de Contos Infantís "O Facho" 1972) os libros de carácter escolar en galego eran contados; Catón galego de Ben-Cho-Shey (Ediciós do Castro, 1969), O galego na escola de Alonso Montero e Marcos Abajo (Anaya, 1970) –coa teoría gramatical e a formulación de actividades aínda redactadas en castelán–, O catecismo na escola 1 de Xosé Morente e Manuel Vidán (Librigal, 1972), Lecturas galegas 1 do Instituto da Lingua Galega (Galaxia, 1972) e pouco máis. Daquela existía unha evidente minoría de docentes que amosabamos unha actitude positiva de cara á inclusión do galego no ensino. De termos en conta a comunicación do Boletín nº 6 (Nadal 71) do Grupo de Traballo Galego de Londres, dexergábanse dúas posturas, os partidarios de utilizalo nas actividades extraescolares dos sábados e os que xa o tiñamos integrado no horario lectivo. Este segundo grupo penso que foi o pioneiro en dar a coñecer ao alumnado a literatura infantil do momento. Cónstame que o libro de María Victoria pasou a formar parte da biblioteca de aula dunha ducia de mestres e mestras que participamos, en setembro de 1973, na casa de exercicios espirituais de Ourense, nun cursiño sobre a metodoloxía Freinet e doutros que, arredor desas datas, asistimos a un de lingua impartido na Asociación de Maestros Católicos da Coruña. Daquela, na citada asociación tamén se formara un equipo para escolmar literatura popular e de autor e o seu labor materializaríase máis tarde no volume Textos pra o ensino do galego (Edicións do Rueiro, 1976), de Maruxa Barrio Val e outros autores que consideraban Mar adiante entre os "Libros especialmente recomendados pra unha biblioteca escolar galega". De igual xeito, anos máis tarde, o equipo coordinado por Joaquina Gallego Jorreto inclúe Mar adiante entre os "Libros de lectura pra niveis elementais" en El Lenguaje en la Educación Preescolar y Ciclo Preparatorio (1º y 2º de E. G. B.). Gallego – Castellano (Ministerio de Educación y Ciencia, 1979).
Ao longo da segunda metade da década a situación cambia sensiblemente. En setembro e outubro de 1976 organizamos no colexio público de Cee (aínda con atrancos por parte da inspección educativa) un curso para o profesorado de E. X. B. que contemplaba gramática, historia da lingua, historia da literatura e lecturas en grupo de obras infantís. A este evento, impartido polos agora académicos Francisco Fernández Rei e Rosario Álvarez Blanco, daquela bolseiros do Instituto da Lingua, asistiron máis de corenta persoas de entre a Terra de Soneira e Muros. As actividades completáronse con reunións trimestrais e experiencias escolares (concursos literarios, revistas etc.) durante aquel ano escolar e os sucesivos. Entre as accións propostas figuraba introducir no horario do alumnado de 3º e 4º a materia de Lingua Galega tomando como base a lectura colectiva de Mar adiante. A experiencia vivina de cerca na Agrupación Escolar de Muxía, onde unha compañeira aceptou utilizar o libro na súa aula de 3º. Esta suxestión sei que se continuou realizando en diversos encontros de actualización do profesorado. Aínda que sexa difícil de materializar estatisticamente, penso que desas navegacións silenciosas do barco de Miguel o de Portosouril beneficiáronse moitos nenos e nenas daqueles anos, que accedían por primeira vez ao galego impreso a través da obra da autora homenaxeada.
Deste xeito, cando se fan os primeiros libros de texto, por forza era necesario manter Mar adiante como referente da literatura infantil. Así o fixemos en 1978 n'O raposo Pillabán (Casals), onde se reserva un apéndice, titulado "Libros galegos", para pasaxes d'A galiña azul (Casares), Os soños na gaiola (Manuel María), Espantallo amigo (Neira Vilas) e Mar adiante, cunhas fermosas ilustracións de Montse Ginesta e, neste caso, xa podemos precisar un pouco máis a difusión da obra. Descoñecemos cantos escolares, despois de usaren o texto citado, acabarían lendo o libro completo de María Victoria. En cambio, si podemos aproximarnos aos que o leron parcialmente, se partimos do número de exemplares distribuídos por Casals entre 1978 e 1985, que superou con moito os trinta mil. Cando saudei por primeira vez a María Victoria, en 1985, recordo que lle mencionei as miñas experiencias a bordo do seu barco. Así que, despois daquelas viaxes pouco visibles, celebramos que, nesta nova era, o ARROÁS trace un ronsel festivo e prolífico por todas as escolas galegas e que se recoñezan os méritos dunha autora que, nunha época de estreitezas, foi un referente literario e profesional.