Narón pecha este venres a campaña Toponimízate 2023

 Narón poralle o ramo este venres, 1 de decembro, á última edición de Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra. A campaña que coordina a Real Academia Galega, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, ofrecerá unha charla ás 19:00 horas no Centro Cívico do Alto do Castiñeiro a cargo de Vicente Feijoo, coordinador técnico da aplicación Galicia Nomeada e filólogo da Real Academia Galega. 

Toponimízate ten dous obxectivos principais: divulgar a riqueza toponímica de Galicia, que fai do país un lugar único no mundo pola insólita abundancia de nomes tradicionais que designan case palmo a palmo o territorio; e involucrar a poboación de todas as idades  na recollida e xeolocalización de nomes de montes, leiras, camiños e outros microtopónimos aínda non rexistrados empregando a aplicación Galicia Nomeada. As persoas asistentes á sesión coñecerán ademais a orixe e o significado dos topónimos que identifican as parroquias e aldeas naronesas, unha información que conta coa colaboración do académico de número Gonzalo Navaza na parte etimolóxica.

Narón experimentou nas últimas décadas un gran crecemento de poboación que o levou a ser o oitavo concello do país en número habitantes. Isto provocou que amplas zonas do seu territorio mudasen os seus antigos usos e, por tanto, perdesen a súa toponimia. A charla Toponimízate porá o foco de atención neste feito e procurará persoas que se suman á tarefa de recuperación toponímica.

Tras o paso por Narón, serán xa máis de 80 os concellos implicados na campaña Toponimízate desde a súa posta en marcha no ano 2017.