Nantes de Reis, o topónimo de Meaño de raíz celta con conexión francesa

A campaña Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra fixo parada de forma telemática en Meaño. O alumnado do IES de Meaño, do CEIP Coirón-Dena e do CEIP As Covas, e mais as persoas que se achegaron á Casa da Cultura de Dena seguiron en directo a charla ofrecida pola Real Academia Galega sobre a importancia da toponimia como patrimonio inmaterial de Galicia.

 

O evento procurou entre a rapazada de Meaño e o seu profesorado novos e novas colaboradoras para a aplicación Galicia Nomeada, a plataforma coa que a Real Academia Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, permite recoller a toponimia e a microtoponimia tradicional galega. O risco de desaparición dos nosos nomes de lugar é, se couber, máis grande en concellos como o de Meaño, onde non se levou a cabo o traballo de recolla do Proxecto Toponimia de Galicia. De aí a importancia de rexistrar a toponimia e a microtoponimia meañesa e de implicar a rapazada nesta tarefa.

Ademais do funcionamento da plataforma, os asistentes coñeceron da man do coordinador da unidade técnica de toponimia da RAG, Vicente Feijoo, o significado dos nomes de lugar de Meaño, ou, cando menos, as principais hipóteses sobre a súa orixe. Este é o caso do nome propio do concello, Meaño, aínda hoxe escuro. Foi explicado como un topónimo prerromano posiblemente relacionado coas augas e tamén a través dunha forma celta paralela do latín MEDIANUM, que podería definir Meaño como un lugar situado no medio de dúas rías.

Outros nomes de Meaño dos que se descoñece a orixe son Dena, talvez prerromano, e Lores, posiblemente relacionado co río Lor. Precisamente nestas dúas parroquias, en Dena e en Lor, se atopan dous nomes que pola súa proximidade fonética e espacial poden estar relacionados: Vilarreis e Nantes de Reis, cuxo segundo elemento, Reis remiten a dous lugares de reguengo, isto é, de pertenza real. Se en Vilarreis se pode albiscar un antigo Vila de Reis, canto a Nantes relaciónase cunha raíz celta NANT- co significado de “val” que tamén daría orixe ao nome da localidade francesa de Nantes.

Este luns, unha nova charla telemática no Barco de Valdeorras
A campaña Toponimízate prosegue o luns 22 de novembro no Barco de Valdeorras, na derradeira charlar telemática desta tempada. A cita será a partir das 15:40 e a ela asistirá o alumnado dos centros de ensino do IES Lauro Olmo, do IES Martaguisela e tamén as persoas que se acheguen á Casa da Cultura e á Aula CEMIT do Barco de Valdeorras. Poderá seguirse en directo desde esta ligazón.