"O maio en Pontevedra", de Sobrino
¡Kalenda Maia! Tornan as festas do anovamento da natureza na Primavera. De novo as veigas de Padrón e da Amaía escoitarán o antergo canto, á lus dos fachuzos; enfeitaranse as casas e os carros con ramos de xesta e de codeso; haberá fiúncho encol das lousas da Catedral de Compostela; ergueranse "arbres" nos eirados; en Entrimo e Laza represéntanse, unha ves máis, os desposorios de Adán i Eva… Alá pola terra de Cunqueiro sairán rapaces con ramos, a entoar aqueles maios dos ensaios do Pallerego. Eiquí, nas nosas Rías i en Ourense, un arcabouzo de fiúncho, con espadanas, laranxas e frores, símbolo do arbre, acobillará ao neno solista: "Este é o Maio…."
Teño dito nun vello traballo que os pobos onde o "maio" ou o "Rei de Maio" é un rapaz, terán sido gobernados pola muller, nun remoto matriarcado, en contraste con aqueles en que atopamos "maias" como en Castela e Andalucía (¡Qué páxinas de Rodrigo Caro sobre a xenia crásica da festa!).
Este é, como o de Nadal, un festexo lírico, fonte de cantigas que inzan logo en tódolos eidos da poesía. Festa das evocacións do "tempo craro", da "reverdure", do amor.. e das burlas e do maldizer, que chegan co arfarse do sangue primaveral.
Para os homes do medievo este era o tempo dos casamentos de amor. Cantounos Airas Nunes:
So lo ramo verde frolido,
bodas fazen ao meu amigo
¡e choran ollos de amor!
A doncela de Pero González de Portocarrero lembra ao amigo, cando perde o seu anel "so lo verde ramo". A de Johán Zorro chora que quer folgar "so lo verde ramo". Sazón de bailadas, diante o amigo, "baixo a milgranada", en rolda, cal das cantigas de Cancioneiro, que somella devanceira do mellor Boticelli:
Bailemos nos ja todas, todas, ai, amigas,
so aquestas avelaneiras frolidas,
e qen for belida, como nós belidas,
se amig'amar,
so aquestas avelaneiras frolidas,
verrá bailar.
Días de cantigas novas, que traguían os occitanos, xente pouco de fiar, por seren veceiros, que soio decían de amor "no tempo da flor e non en outro", do que se laiaba El Rei Denís.
Pero tamén é o tempo das algaras. As froles do piñeiro, que na pintura de Castelao se alcenden ao paso de El Señor, eran entón sino de que remataban as trégoas.
Amado e meu amigo,
valla Deus,
védela frol do piño
e guisade de andar.
Compría enselar o "baioriño" ou o "bel cabalo" e partir para a fronteira. Eiquí podían moitos seguiren cos seus cantos, porque, coma nos lembra Sánchez Albornoz, a xentiña da Terra de Santiago estaba libre de acudir ao "fossado": non "viña al mio".
Hai un triple xogo nunha "equivocatio" de Pero Gomes Barroso:
Demoslhi nos unha maia
das que facemos no maio
No trocadillo manéxanse as dúas acepcións e unha homofonía. Ao covarde Dom Foam que alegaba a esención de ir á guerra, compría, no decir do monarca, darlle para el unha "malleira", que é mes de se encomendar á Nosa Señora, como na cantiga maia do códice afonsí.
I-V-1976