'Na boda do afillado', de Carmiña Prieto Rouco

A poeta vialbesa Carmiña Prieto Rouco (1901-1977) cantoulle, en palabras de Xosé Trapero Pardo, "aos ríos lugueses, aos labregos, aos cruceiros, ás áuras e ás avelaíñas, as estaciós do ano, ao vivir das xentes da Chaira".
Portada do libro
Detalle da portada do libro


Na boda do afillado
(O actor vestirá capa e sombreiro)

¡Vaite coa xente do día!
¡Seña o demo arrenegado!
¡Veño tolo, veño tolo;
veño coberto de pasmo
das cousas que vin na boda
do meu querido afillado!

Foi sonada, eso é verdade,
e houbo moitos convidados,
pro de comer n´houbo nada
senón feguras.... ¡de raios!

Siquera iba eu disposto
a un bo conexo guisado,
a un cabirto con patacas...
¡e a un arroz ben azucrado!

Pero fixeron un que din LUS
(siquer el casóu en sábado)
pro non vin lús nin vin martes,
senón todo un condanaxo
dún doce tan molichiño
coma xabrón da feitado.

Boeno, aquel inda sabía:
seique comín cinco pratos...
¿E logo o viño?... Fervía
fora das copas botando
unha escuma... ¡E índa pra máis
estaba un pouco picado!

Viño branco, xa se ve,
que alí o tinto ¡nin probalo!
Polo máis sabía ben
e axiña subía ós cascos...

Chamábanlle alí CHAMPÁN...
¡chámpeos a eles o diaño!...
Estranoume tal probeza
na boda diste afillado
sendo él médico na Cruña
e con sonada de sabio...

Chameino aparte a un curruncho
e díxenlle: -Ai, condenaxo
¿cómo te pós a casar
sen ter gaiteiro buscado
sin ter unha mesa chea
pra estoupalos convidados
que, co que sobra inda comen
na casa medio ano?...

Se viras cando teus país
se casaron, afillado,
hoxe arderas de vergonza
coa fame que aquí pasamos!

E él díxome: -Pro, padrino,
isos tempos son pasados!
¿No ve que agora se levan
otros modos vareados?...

Levarán, home, levarán
-dixen eu pra min rosmando-
e calei por non lle dar...
¡dous pescozos moi ben dados!

Se foi cando aló cheguéi
coa miña capa, moi "majo",
había que velo noivo
cal se puxo enfurruñado
decindo: - ¿Non tié outra ropa
sin venir de longo manto?

¡Chamarlle manto á capa!
¡Ai, ladrón, mal afillado!

De fixo quería verme
co levitin de dous rabos
cal vestían os siñores
que estaban de convidados,
e que parecían grilas
cando salen do furado!...

Hoxe na boda, de min
riron todos aloucados
dista miña longa capa,
diste meu sombreiro ancho
que era a gala dalgún día
cando meus pais se casaron.

¿E agora? Agora o levico
con un par de grandes rabos!
¿Onde van aqueles tempos
de casamentos sonados
que enchías de festa a aldéa
entre foguetes e cantos,
e o son da gaita se oía
da parroquia en todos lados,
ó son da cal, donairosos
bailaban todos, bizarros
mozas e mozos en roda,
e hastra ós vellos aloucados,
mentras cheo de enerxía
vibraba rexo no espazo
o eco dun forte aturuxo
cal berro de loita, bravo?...

Vinme prá casa correndo
facendo ¡fú! coma ó gato!...
¿Pra qué pró teu casamento
me chamaches afillado?...
Xa podes casar dez veces
que o padriño.... ¡¡¡nin a arrastro!!!


(Este monólogo representouse en Mondoñedo, en Villalba, en Viveiro.... E non sei en cantos sitios máis).

De O derradeiro, (Vilalba, 1977)