As primeiras mostras de anuncios en galego deben buscarse no periódico ourensán O Tio Marcos d'A Portela, onde xa os encontramos nos primeiros parrafeos, e onde existiu unha sección de "Anuncios" a partir da segunda época da revista inaugurada a finais de 1883. Mais o certo é que a presenza de anunciantes nas páxinas de O Tio Marcos d'A Portela foi bastante irregular, habendo anos completos sen ningunha publicidade, agás a das obras do propio director da publicación, Valentín Lamas Carvajal. A pesar disto cómpre recoñecer que este periódico foi un precursor no emprego do galego na publicidade. É aí, por exemplo, onde podemos ler os primeiros anuncios versificados que despois serían tan habituais na prensa en galego, uns anuncios feitos con versos moi sinxelos e de carácter popular que seguramente escribirían os propios responsables das revistas.
Continuando co precedente iniciado por O Tio Marcos d'A Portela, a publicidade estará presente en todos os periódicos monolingües, reunida as máis das veces nunha "Seucion d'Anuncios" que se localizaba na última páxina de cada número. Así aconteceu nas principais cabeceiras da época como O Galiciano de Pontevedra, A Monteira de Lugo, A Fuliada da Coruña ou As Burgas de Ourense. Merece destacarse aquí o Almanaque Gallego editado na Coruña en 1894, unha publicación que reservou vinte e cinco páxinas exclusivamente para anuncios en galego.
Quen se anunciaba en galego nesa época? Pois principalmente o pequeno comercio local: bares, reloxarías, xastres, litografías, librarías, barbeiros, adegas, casas de comidas…, algo que resulta lóxico tendo en conta o marcado carácter localista desas primeiras publicacións monolingües. Tamén o facían algúns médicos, dentistas e oculistas. Ademais chegaron a se anunciar no noso idioma algunhas compañías de seguros e mesmo unha empresa internacional de tanta sona como a marca de máquinas de coser Singer. Alén diso non foi infrecuente a práctica da "auto-promoción", é dicir, a publicidade de obras escritas polo director do periódico ou por algúns dos seus colaboradores, ou ben a propaganda doutras aventuras editoriais levadas a cabo por quen se encargaban de imprentar as revistas en galego.
Non hai dúbida de que a publicidade na lingua propia de Galicia naceu grazas aos esforzos daquelas persoas que ao mesmo tempo estaban a traballar para facer realidade a existencia dunha prensa no noso idioma. Por tanto todos eses anuncios, tamén o da pequena tenda e o do modesto alfaiate, foron unha achega máis que axudou ao rexurdimento da cultura galega durante o século XIX.