Muxía réndelle homenaxe a Eva Castiñeira

A homenaxe a Eva Castiñeira en Agranzón, a aldea muxiá onde naceu hai cen anos, púxolle o ramo á semana central das Letras Galegas que a Real Academia Galega lles dedica ás cantareiras e a poesía popular oral. O presidente Henrique Monteagudo e as académicas Ana Boullón e Marilar Aleixandre participaron no acto organizado polo Concello de Muxía ás portas da casa da que é unha das sete mulleres nas que se personificou a celebración. 

1/5

Henrique Monteagudo referiuse á forza do canto e do baile como elementos de transmisión da lingua mais tamén como un tipo de creación colectiva que reforza os lazos de comunidade e os afectos entre os seus membros. O alcalde de Muxía, Javier Sar, salientou o orgullo que supón para todo o concello que unha das súas veciñas protagonice a gran festa da cultura galega e lembrou que Gonzalo López Abente, recoñecido co Día das Letras Galegas de 1971, foi quen inscribiu no rexistro civil a Eva Castiñeira, quen traballaba no xulgado cando a cantareira naceu.

A concelleira de Cultura, Sandra Vilela, destacou que Eva Castiñeira deixou unha profunda pegada na memoria colectiva nun encontro no que o momento máis emotivo estivo protagonizado polo fillo da homenaxeada, Juan José Alvite, e a súa filla, María Teresa. “Miña nai foi, sen sabelo, unha muller que estaba facendo historia”, expresou.

A celebración contou tamén coa presenza da subdirectora xeral da Lingua, María Coutinho, e veciños e veciñas de Muxía. Tras o descubrimento dunha placa conmemorativa, o acto rematou coa actuación das Abaladeiras.