Muxía acolle o 22 de novembro o Simposio das Letras Galegas das cantareiras

No treito final deste ano das cantareiras e da poesía popular oral, toca facer balance e afondar nalgúns dos aspectos centrais, desde unha ollada contemporánea, dun legado que conquistou o presente e aspira a seguir moi vivo no futuro. A Real Academia Galega celebrará con esta vontade o Simposio das Letras Galegas 2025 o sábado 22 de novembro en Muxía, a localidade natal de Eva Castiñeira, unha das sete mulleres nas que se personificou a festa deste 17 de maio. O encontro, aberto a todo o público, poralle dalgún xeito o ramo a unha conmemoración ben especial que rematará oficialmente o 31 de decembro. “Cremos que a Academia non se trabucou na escolla, pois nunca unha celebración das Letras Galegas, e son testemuña das cincuenta e dúas edicións, tivo unha resposta popular como a deste 2025”, valora o académico Antón Santamarina.

Coautor do Cancioneiro popular galego que recompilou a etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth e un dos propoñentes destas Letras, Santamarina asumiu a coorganización do simposio xunto a María López-Sández e Víctor F. Freixanes. Os tres académicos concibiron un programa no que se falará de cuestións como o papel que tiveron os colectores do folclore galego, do aproveitamento do cantigueiro como recurso didáctico e do que este representa “como espello da vida material e espiritual do pobo galego”.

Haberá ademais ocasión para repensar a tradición desde o xénero e a clase social. Será nunha mesa redonda que contará con Domingo Blanco, autor d’A Poesía Popular de Galicia (1745-1885), a profesora e intérprete de música tradicional Branca Villares e mais a etnomusicóloga Xulia Feixoo, co propio Santamarina como moderador.

A xornada, organizada pola RAG coa colaboración da Xunta de Galicia, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e o Concello de Muxía, inaugúrase ás 9:45 horas e continuará con senllas conferencias desde o campo da etnomusicoloxía a cargo de Xulia Feixoo e Sergio de la Osa. Tras a devandita mesa redonda, xa pola tarde Manuel Rico Verea ofrecerá unha ollada á edición dos cancioneiros populares desde Marcial del Adalid ata chegar ao traballo de Schubarth e Santamarina. Deseguido o músico Xabier Díaz, o tamén músico e neto e sobriño neto das homenaxeadas Rosa e Adolfina Casás Rama, Richi Casás; e mais Isabel Vigo, técnica do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego, farán balance destas Letras Galegas e reflexionarán sobre as perspectivas de futuro da tradición, nun diálogo que dirixirá a académica Ana Boullón, impulsora da candidatura das cantareiras.

O encontro concluirá coa actuación musical da A.C. Abaladeiras de Muxía, unha das moitas asociacións do país que son parte dunha “efervescencia cultural vinculada á lingua galega e á tradición moi potente” que contribuíu ao “grande impacto social e popular” deste 17 de maio, recoñece María López-Sández.

Da subalternidade ao protagonismo feminino
A de xénero é sen dúbida unha das principais novas olladas que se consolidaron arredor das Letras Galegas 2025 dedicadas ás cantareiras e á poesía popular oral. No simposio afondarase nela desde a dobre perspectiva que merecen as cantigas. “Moitas letras parten dunha concepción patriarcal que plasma a subalternidade da muller na sociedade que as produciu, pero ao mesmo tempo no cancioneiro tradicional popular as mulleres tiveron un protagonismo moi potente na creación, a conservación e a transmisión. E nestes textos hai tamén espazo para a subversión do suxeito subalterno, por exemplo mediante os dobres sentidos que permiten cuestionar a base patriarcal”, analiza a académica.

Canto á variable da clase social que se abordará na mesma mesa redonda, tratarase tamén a relación entre as clases populares, creadoras das coplas, e a fidalguía e a burguesía, que foron actores relevantes na recolla, conservación e difusión do cancioneiro. “Neste campo deuse unha colaboración interclase, como ocorreu de feito na cultura galega en xeral, onde figuras como Eduardo Pondal ou Rosalía de Castro desempeñaron un papel clave en alianza ideolóxica, íntima e profunda co pobo que sustentou a lingua e a cultura”, engade López-Sández.

“Rosalía de Castro inspírase na tradición popular para escribir o que consideramos o libro que anuncia o Rexurdimento no século XIX, Cantares gallegos (1863), no que a Academia se inspirou para a creación do Día das Letras Galegas, que comezou a celebrarse en 1963, cadrando co centenario da súa publicación”, lembra Víctor F. Freixanes, que reitera os motivos que levaron á RAG a elixir as cantareiras e a poesía popular oral como protagonistas da festa deste ano. “En gran medida as Letras Galegas 2025 son unha homenaxe a tantas xeracións que mantiveron vivo o noso idioma e, a través da alegría da música, souberon transmitilo aos que viñeron detrás ata chegar a nós. Nese proceso as mulleres teñen un papel fundamental que queremos reivindicar. Elas alimentaron o lume da vida. Elas son a gran sementeira da lingua”, conclúe o académico.

Cerceda, Malpica e Muxía, os tres escenario centrais
Con esta cita a Real Academia Galega completa un programa de actividades das Letras Galegas 2025 que implica os espazos vitais centrais das sete mulleres nas que se personificou a celebración, Cerceda, Malpica e Muxía, pero que lles rende homenaxe a través delas a todas as cantareiras do país, que foron homenaxeadas en cada recanto do país polas súas respectivas comunidades.

O pasado mes de marzo a institución presentou en Cerceda, a terra de Rosa e Adolfina Casás Rama, a última edición do seu proxecto web para o público infantil Primavera das Letras. O alumnado do CEIP Celso Emilio Ferreiro estreou para a ocasión a súa adaptación escénica da peza teatral As Ferreñas (en vivo e en directo) que escribiu para esta iniciativa a dramaturga Paula Carballeira e ilustrou Nuria Díaz. Malpica de Bergantiños, de onde eran naturais as Pandeireteiras de Mens, acolleu o pleno extraordinario do 17 de maio e este mes de novembro será a quenda de Muxía.

Alén da programación presencial, a RAG produciu a serie audiovisual Se canto é porque quero e editou Por que non hei de cantar?, ao coidado de Manuel Rico Verea.