Muros acolle este venres a presentación do libro de Alfonso Blanco Quintela sobre a súa toponimia

A antiga fábrica de Sel acollerá o vindeiro venres 15 de marzo (19:30 horas) a presentación de Toponimia de Muros, un novo volume da colección Terra Nomeada asinado por Alfonso Blanco Quintela. O autor é profesor de latín e grego no IES Fontexería de Muros, dende o que vén realizando un amplo labor de divulgación sobre os nomes de lugar do municipio. Nesta obra afonda na orixe e no significado dos 105 nomes da toponimia maior de Muros e en sete máis pertencentes á toponimia menor.

No acto, de entrada libre ata completar a capacidade do recinto, Alfonso Blanco estará acompañado na mesa da presentación polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; o coordinador do Seminario de Onomástica da RAG, Antón Santamarina; a presidenta da Asociación Galega de Onomástica e académica correspondente Luz Méndez; o vicesecretario da RAG, Henrique Monteagudo; e a alcaldesa de Muros, María Lago Lestón.

A colección Terra Nomeada da Real Academia Galega e a Asociación Galega de Onomástica ten como obxectivo recompilar e estudar os nomes de lugar dos concellos de Galicia. O volume dedicado a Muros sae do prelo co apoio económico da Deputación da Coruña.