'Muiñeiro de brétemas', o poeta Manuel María aos 19 anos

Manuel María, o protagonista do Día das Letras Galegas de 2016, iniciou a súa andaina poética coa publicación de Muiñeiro de brétemas. O libriño saíu á luz en 1950 na colección Benito Soto, un ano despois de que fora escrito durante o verán no seu Outeiro de Rei natal, en boa medida á beira do río Miño. Tiña só 19 anos e, malia o tempo no que lle tocou medrar, puidera coñecer desde a escola algunha poesía galega que marcaría esta obra de iniciación.
Cuberta da primeira edición de 'Muiñeiro de
brétemas'.

Na casa familiar, Manuel María Fernández Teixeiro (Outeiro de Rei, 1929-A Coruña, 2004) leu en galego sendo cativo os Cantares Gallegos de Rosalía, algunha comedia de Leandro Carré Alvarellos e tamén O Gaiteiro de Lugo, que mercaba o seu pai. Mais tamén tivo certo achegamento á poesía galega na escola.

O seu mestre de Rábade faláballe ao alumnado sempre en castelán, pero os sábados mandáballe ler a Literatura Gallega de Carré Aldao e unha antoloxía da poesía galega de Álvaro María de las Casas. Foi así como Manuel María coñeceu algúns versos de Amado Carballo e de Manuel Antonio, lecturas que, segundo el mesmo dicía, deixaron pegada no Muiñeiro de brétemas.

"Cara a ti" é un dos poemas incluídos na obra, que foi publicada coa axuda de Aquilino Iglesias Alvariño, o primeiro que veu os versos de Manuel María en galego. A primeira edición foi prologada por Ánxel Johán, quen concluía que o poeta Manuel María "polo de agora, é un máxico".


CARA A TI

Vou a ti decote cada día
co ollar enmallado nunha nao
que o vento desfiaña pouco a pouco
na espuma dorida do teu peito.

E brillas nesa espuma
sedenta dunha luz tremelucente
que escintila nunha bágoa xa ferida
na manteliña prateada dunha estrela.

Vou a ti, sedento de saloucos
e de brétemas,
depenicando alalás entre a follaxe
acesa por folerpas que fuxían
no afiado coitelo do sorriso.

(Non debullo lonxanía polo ermo
nin o vento morno me desvía).

Vou a ti deixando nun luceiro
unha vella ronseira que se afoga
nun estraño fío prateado
que garda un chirlo amorosiño.

Ollo fuxir cara o nordés un pensamento
que vai só para ti, para que che diga
a mensaxe calada dun retorno.