Montse Dopico: “Quixen contar como chegou a ser Luísa Villalta a persoa que era antes de falecer”

Papagaio (2006) foi o derradeiro poemario que Luísa Villalta (1957-2004) deixou listo para publicar. E por este final, o dos versos comprometidos coa denuncia da explotación sexual das mulleres e da especulación urbanística, arrinca Abonda con vivir, a biografía sobre a protagonista do Día das Letras Galegas 2024 que asina en Xerais Montse Dopico. “Quixen comezar por ese momento da súa vida porque era un tempo en que se encontraba moi ben. Sentíase absolutamente libre e por iso escribiu esta obra. A partir de aí, o que tratei de contar ao longo do libro é como ela chegou a ser a persoa que era cando faleceu prematuramente aos 46 anos de idade”, explica a autora.

Montse Dopico. Autor: Nacho Nachok

Para tentar saber quen e como era Luísa Villalta, unha fonte principal foron os seus propios textos. A outra, a memoria persoal ou literaria que dela gardaron Miguel Anxo Fernán Vello, Ana Pillado, Xosé María Álvarez Cáccamo, Pilar Pallarés, Daniel Calvete, Yolanda Castaño, Cesáreo Sánchez Iglesias, Pilar García Negro, Juan Fernán Bello ou Teruca Queiro, entre outras persoas. Os seus testemuños entretécense nas preto de duascentas páxinas do volume, que empregan como fío condutor, tras Papagaio, a obra teatral O paseo das esfinxes (1991), o ensaio O outro lado da música, a poesía (1999), os poemarios Música reservada (1991), Ruído (1995) e En concreto (2004), a novela As chaves do tempo (2001), Teoría de xogos (1997), o inacabado calendario de As palabras ingrávidas (2020), os relatos de Siléncio, ensaiamos (1991) e os artigos que Villalta publicou no semanario A Nosa Terra, recompilados postumamente no Libro das colunas (2004).

Pasos adiante e pasos atrás no tempo pero que ilustran a evolución de Luísa Villalta, “que ten que ver coas súas circunstancias persoais” e que deixou unha pegada clara na súa literatura, valora Montse Dopico. “Ela pasa de vivir nun mundo moi intelectual, máis pechado arredor dos seus amigos de sempre, a intentar abrirse moito máis. Coido que foi unha necesidade vital, e probablemente comezase cando empezou a dar clases no IES Isaac Díaz Pardo de Sada (1991), onde era unha profesora que non só axudaba a espertar vocacións, senón que trataba os seus alumnos e alumnas como iguais. E ese abrirse máis socialmente propicia tamén que a súa poesía cambie, que se volva moito máis apegada á terra, máis social, máis cívica, máis formando parte, como di un dos seus versos”, analiza. 

A carón das circunstancias persoais, o posicionamento público que adoptou nos últimos anos tivo tamén que ver co propio tempo que lle tocou vivir, considera a xornalista. Episodios como o afundimento do Prestige, que a levou a participar activamente en Nunca Máis, ou conflitos internacionais como a guerra de Iraq ou o “exterminio” do pobo palestino, temas todos eles presentes nos seus artigos de opinión.

A perspectiva de xénero é outro trazo da obra de Villalta sobre o que Montse Dopico reflexiona. “Parte dos seus amigos din que non se definía como feminista, pero ela anima os homes a unirse á loita pola igualdade entre mulleres e homes, que entende que é liberadora tanto para elas coma para eles. E Papagaio non pode entenderse sen o feminismo. Nese sentido, penso que a súa obra se adianta ao que virá despois na propia literatura galega da man da chamada xeración dos 90. Así que estou convencida de que se vivise máis anos revisaría as súas posicións en canto a definirse como feminista, como lles pasou a moitas mulleres da súa xeración e das posteriores”, argumenta.

A última Luísa Villalta que apostou polo colectivo seguiu en calquera caso cultivando o diálogo con outras artes, sempre de maneira especial coa música que a acompañou dende nena e que inspirou as súas primeiras obras literarias. “Está presente dende o seu primeiro poemario. Se les en voz alta Música reservada, decátaste de que eses sonetos son pura música. Pero tamén en Papagaio, onde fai versos libres, hai unha estrutura bastante matemática”, recoñece a autora de Abonda con vivir.
Entre outros foros, Montse Dopico reflexionará sobre estes e outros aspectos da vida e da obra de Villalta o vindeiro 15 de maio no Club Faro, onde compartirá diálogo con Marga Romero, Cesáreo Sánchez Iglesias e Manuel Bragado.