A comunidade educativa amesá celebrou este venres a derradeira xornada coa posta en escena do último reto, que contou coa colaboración das Maianas, que canda os nenos e nenas lles puxeron o ramo á iniciativa celebrando unha gran foliada. O grupo de Ames creou para a ocasión a canción “Falo galego porque quero!!”, que soou nunha xornada lúdica e festiva arredor da música e do baile tradicional que soubo tamén dalgún xeito a un anticipo da celebración das Letras Galegas das cantareiras e a poesía popular oral.
As integrantes das Maianas achegáronse esta mañá ata os colexios da Maía, Agro do Muíño e Barouta e mais a escola infantil do Milladoiro para realizaren os ensaios finais e acompañaren con pandeiretas o momento do baile. Ademais, nas escolas infantís municipais do Milladoiro e de Bertamiráns tanto o persoal como o alumnado cantando e bailando ao son das Maianas.
Visita institucional
O coordinador do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega e vicesecretario da institución, Henrique Monteagudo; o alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Planificación e Xestión Educativa e Mocidade, Carmen Porto, participaron na foliada do CEIP de Barouta nunha visita institucional na que foron recibidos polo seu director, Alonso Caxade, e na que tamén participaron o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e concelleiros e concelleiras da corporación municipal.
“Creemos que é moi importante realizar iniciativas como Modo galego, actívao!, moi apegadas ao terreo, porque conseguen involucrar as familias e os centros de ensino”, valorou Henrique Monteagudo. “Pensamos este proxecto como un modelo que se pode exportar a outros concellos, pero para adquirir unhas dimensións maiores precisa dos apoios locais dos concellos, pero tamén da Xunta de Galicia. Á espera dunha avaliación detallada da experiencia deste curso, xa podemos adiantar que se constatou unha maior adhesión tanto dentro coma fóra das aulas. Xa conseguiramos moita participación en edicións anteriores, pero o grande éxito deste ano é a grande implicación das familias”, engadiu.
O alcalde de Ames e concelleiro de Normalización Lingüística, Blas García, compartiu a valoración “moi positiva” e ratificou o seu compromiso de seguir colaborando coa Real Academia Galega arredor de Modo galego, actívao! “É necesario seguir apoiando e traballando pola nosa lingua con programas coma este que fomenten o uso do galego entre os máis mozos. Temos asinado coa Real Academia Galega un convenio para continuar con este programa ata o ano 2026, polo que o Modo galego está garantido nas escolas de Ames. As rapazas e os rapaces son o futuro do galego, e é con elas e con eles cos que debemos traballar na conservación do idioma”, concluíu.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, amosou pola súa banda o seu interese en colaborar neste proxecto que actúa “en varios espazos”, tanto dentro como fóra das aulas.
Un mes para activar a lingua
A terceira edición de Modo galego, actívao! propuxo unha serie de iniciativas que se desenvolveron ao longo dun mes. A primeira semana asinouse o Acordo de compromiso lingüístico nas aulas da ESO e negociouse entre o profesorado e o alumnado unha serie de recompensas acordes co nivel de implicación de cadaquén. Deseguido, propúxolles aos estudantes de secundaria un reto semanal, como procurar que persoas da súa contorna se animen tamén a comprometerse coa activación do galego ou buscar a complicidade de artistas.
Para infantil e primaria, houbo un reto diario ata hoxe 14 de febreiro, animando os nenos e nenas a compartiren soños, música, trabalinguas ou películas en galego, e propoñéndolles tamén que buscasen a complicidade doutras persoas para activaren o idioma propio de Galicia a través de cartas ou a gravación de audios. Por cada desafío cumprido, a rapazada recibiu un adhesivo que representa un superpoder co que completar unha sorte de cartilla do programa, deseñada por Ruth Caramés.
Colaboración de distintas personalidades
A iniciativa contou coa colaboración de distintas personalidades que presentaron os retos diarios, entre eles o presidente da RAG e o alcalde Ames; o Apalpador e o Pandigueiro; o director do IES do Milladoiro e músico, Manolo Maseda; o músico apaixonado dos instrumentos Cé Orquestra Pantasma; a actriz de dobraxe Antía Castro; a comunicadora e cantante da orquestra Panorama Fátima Pego; e a contadora e actriz Bea Campos.
Tamén participaron o pallaso Peter Punk; o músico, actor e contador Paco Nogueiras; o especialista en toponimia da RAG Vicente Feijoo; o músico e director do CEIP Barouta, Alonso Caxade; a creadora de contidos Nuria Grandío @Konachadas; a narradora oral Vero Rilo; As Tanxugueiras; o propio Son Goku na voz do actor de dobraxe e veciño de Ames Antón Rubal, e mais As Maianas.