Miguel Anxo Seixas: “Castelao é unha figura indiscutible, todo un símbolo do pobo galego”

O presidente da Fundación Castelao presentoulle este martes a figura do intelectual rianxeiro ao alumnado dos Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras” no marco do programa de conferencias da trixésimo quinta edición destes encontros. Miguel Anxo Seixas trazou unha síntese da vida de Afonso Daniel Rodríguez Castelao, “unha das dúas figuras indiscutibles” de Galicia. “É todo un símbolo para o pobo galego, que o escolleu como mito xunto a Rosalía de Castro”, explicoulles.

O autor da gran biografía de Castelao ofreceu a través da súa vida un percorrido pola historia da Galicia da primeira metade do século XX e salientou como Castelao puxo a súa arte e a súa voz ao servizo de Galicia e do goberno democrático da República, adoptando tamén desde a escena política un papel central de reivindicación dos dereitos de Galicia. Xa desde o exilio en Buenos Aires, onde morreu en 1950, Castelao “defendeu a memoria de Galicia que permitiu que tivese un Estatuto de Autonomía”, lembrou.

Miguel Anxo Seixas definiu a Castelao como unha persoa de ética insubornable que sempre se puxo do lado dos excluídos. “Ten unha sensibilidade que lle permite seguir vixente”, valorou.

A Real Academia Galega organiza os Cursos Galego sen fronteiras en colaboración co Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e co apoio económico da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia. O programa conta este ano coa participación de 60 estudantes de tres continentes.