Méndez Ferrín no Outono Pondaliano

De Pondal a Novoneyra foi o título da intervención do presidente da Real Academia Galega na xornada de clausura do Outono Pondaliano.
Xabier Rodo e Méndez  Ferrín durante o Outono Pondaliano
Xabier Rodo e Méndez Ferrín na Fundación Eduardo Pondal


O acto, organizado pola Fundación Eduardo Pondal, tivo lugar na sede desta institución, situada na parroquia de O Couto, concello de Ponteceso. O mantedor do evento foi Xosé María Varela, presidente da Asociación Monte Branco, mentres que o encargado de introducir o presidente da Academia foi o profesor Xabier Rodo. Na súa presentación, Rodo resumiu a traxectoria como crítico literario de Méndez Ferrín en tres momentos: a súa tese de doutoramento sobre Eduardo Pondal dirixida por Dámaso Alonso, a edición d´O cancioneiro de Pero Meogo e o libro de historia da literatura galega De Pondal a Novoneyra. Segundo o profesor Xabier Rodo, a tese central do labor filolóxico de Méndez Ferrín é a de considerar que a literatura galega segue unha evolución propia e non dependente da española, como se consideraba ata ese momento.

No comezo da súa intervención, Méndez Ferrín reforzou esta opinión ao afirmar que "eu atopaba que toda a historia da literatura galega que se levaba feita ata entón trataba de encontrar na nosa literatura un reflexo da literatura metropolitana. Isto é: unha posición colonizada".

Segundo Méndez Ferrín, a literatura galega segue unha evolución propia xa desde os cancioneiros medievais, "dos que se di que son unha imitación dos provenzais, cando os nosos cantares de amigo son de tradición propia, e tamén os de amor son autóctonos e teñen características distintas dos occitanos, moito máis procaces e directos na descrición do encontro amoroso". Esta evolución propia da literatura galega exprésase tamén no conflito que no século XIII mantiveron "Alfonso X, o Sabio, partidario dun rearme ideolóxico de raíz relixiosa e os trobadores laicos de temática amorosa".

Para o presidente da Academia, "é necesario, pois, mirar a nosa literatura con ollos novos, con ollos galegos". Unha nova mirada que debe reconsiderar a opinión xeral sobre os Séculos Escuros como un ermo: "é imposible soster que, no momento en que florecen a espléndida escultura e a arquitectura barroca galega, non hai tamén unha produción literaria. O que sucede é que esta se perdeu, ou era de carácter manuscrita e non impresa. Sen esta consideración é imposible explicar logo a aparición de Sarmiento no século XVIII". Sarmiento resume, segundo Méndez Ferrín, "todas as liñas mestras da literatura galega posterior. Nel atopamos xa os personaxes de orixe popular -traballadores do mar e da terra- o sentimento da paisaxe, a descrición dos usos populares –a gaita, a zanfona, a muiñeira- e mesmo a palabra saudade, da que defende a súa orixe galega e non portuguesa. Tamén en Sarmiento aparece fixada xa a que será a ortografía do galego literario do XIX, co grafo –x- para o son palatal fricativo xordo".

Esta evolución propia da literatura galega obsérvase tamén, para Méndez Ferrín, "nas tres coroas do Rexurdimento. Nin Curros, nin Pondal, nin Rosalía encaixan na periodización da literatura española do seu tempo".

O presidente da Academia pechou á súa intervención sostendo que a literatura galega "é a historia dun espírito colectivo que se pon en marcha e avanza".