Méndez Ferrín nas IX Xornadas sobre lingua e usos

Baixo o título A internacionlización da lingua galega, o presidente da Real Academia Galega interviu no primeiro día das IX Xornadas sobre lingua e usos: lingua e tradución.
María José Martínez López e Méndez Ferrín durante o acto
A decana de Filoloxía, María Teresa López, e X. L. Méndez Ferrín durante a conferencia


As Xornadas, organizadas polo Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña en colaboración coa Real Academia Galega, foron inauguradas na mañá do mércores 28 de novembro polo reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto Barbeito; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; o secretario xeral da Universidade da Coruña, Carlos Amoedo; o secretario da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos Agrelo e a directora do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña e académica correspondente, Goretti Sanmartín Rei.

Tras a conferencia inaugural pronunciada pola profesora e tradutora Dora Salves Salvador, Xosé Luís Méndez Ferrín dirixiu, ao numeroso público presente, unhas palabras acerca da situación de "desigualdade" en que se encontran a lingua e a literatura galegas no marco dos procesos de tradución. Para Méndez Ferrín, a preponderancia da lingua inglesa pode constatarse na nómina dos premios Nobel de literatura, ou mesmo na escaseza de literatura producida nas linguas de África. Os autores que poderían escribir nesas linguas, afirma, "escriben en inglés porque en ioruba non comparecerían en escena".

O presidente da RAG exemplificou a dificultade da nosa literatura para existir no estranxeiro co caso de Merlín e familia, de Álvaro Cunqueiro, que, na súa tradución ao inglés por Colin Morgan, indica erroneamente que o orixinal fora escrito en castelán. Tamén falou de "intercambios desiguais" a través do exemplo de Bretaña, Esmeraldina, novela da súa propia autoría que na versión portuguesa non sinala a procedencia galega, mentres que na versión eslovena si o fai, engadindo, ademais, información lingüística e política sobre Galicia.

Méndez Ferrín salientou, porén, as figuras de Manuel Rivas, Chus Pato e Agustín Fernández Paz, cuxas obras aparecen traducidas en numerosas editoriais estranxeiras constituíndo un fenómeno insólito: "exercer influencia sobre novos autores de lingua inglesa ou francesa".

Sobre a relación do escritor galego co mundo exterior, Méndez Ferrín distingue dous modelos: o do autor que chega ás literaturas estranxeiras a través do castelán e que será "un escritor colonizado, aínda que escriba en galego" e o do "escritor políglota que non ten que pasar pola alfándega española". Este segundo tipo, que nace, para Ferrín, a partir de Sarmiento e continúa con Pondal, Rosalía, Otero Pedrayo e Vicente Risco, é o que predomina na literatura galega actual.

Finalmente, Méndez Ferrín concluiu afirmando que "necesitamos as traducións para facer que o noso idioma se expanda e viva; para sermos unha nación literaria".