Memorias dun neno labrego (1961)

Portada de Memorias dun n eno labrego
Cuberta do libro ilustrada por Seoane


É unha obra emblemática dentro da literatura xuvenil en galego, ademais de ser a máis lida e reeditada da nosa literatura e, a día de hoxe, unha das máis traducidas.

Segundo Xosé Neira Vilas, autor da obra, foi escrita no segundo semestre do ano 1960 nun café da rúa Cullen de Buenos Aires, cidade á que chegara, dende a súa Galicia natal, en 1949. El mesmo conta como o camareiro do establecemento mostraba certa curiosidade por aquelas verbas que ían xurdindo día a día naquel caderno, polo que llas lía sempre antes de marchar, converténdoo así no primeiro destinatario de Memorias dun neno labrego.

Xa rematada a obra, recibiría o beneplácito da súa muller Anisia e máis tarde o de Rafael Dieste e Luís Seoane, que por aquel entón vivían na capital arxentina xunto a outros moitos exiliados galegos.

Animado polos eloxios, a publicación do relato non se faría esperar. Tería lugar en Follas Novas, editorial e distribuidora do libro galego en América, fundada polo autor e a súa dona en 1957. Da imprenta de Alfonso Ruíz sairía o 5 de xaneiro de 1961, cunha tiraxe de 2000 exemplares. A ilustración da cuberta correría a cargo de Luís Seoane, todo un luxo.

Tras cruzar o océano, foi enviado, xa en terras galaicas, a diversas personalidades da cultura galega, entre elas Otero Pedrayo, Valentín Paz Andrade e Leandro Carré. A partir dese momento, editoriais como Galaxia ou Ediciós do Castro, entre outras, encargaríanse de espallar a obra en sucesivas edicións. Actualmente está traducida a dezaseis idiomas, ademais de contar cunha edición en braille, unha adaptación teatral ao maia e de servir de base a numerosos estudos, teses doutorais e guións de cine ou televisión. Así mesmo, emprégase como libro de lectura nos colexios e institutos de Galicia.

O libro relata as vivencias dun rapaz labrego duns doce ou trece anos, Balbino, na Galicia dos anos corenta do século vinte. As súas páxinas reflicten a vida e costumes do mundo rural, que hoxe en día imos esquecendo paulatinamente debido ao forte cambio social acontecido nestas últimas décadas.

Pero, ademais de conservar este prezado legado para as xeracións vindeiras, a obra denuncia claramente, dende o comezo, as tremendas inxustizas ás que se ve sometido o mundo da infancia, dos labregos e dos pobres. O protagonista encarna, desgraciadamente, as tres condicións:

"Eu son… BALBINO. Un rapaz da aldeia. Coma quen dis, un ninguén. E ademáis, probe".

Na biblioteca da Real Academia Galega conservamos un exemplar da primeira edición, doado polo autor en decembro de 1961, coa correspondente dedicatoria á institución.

Dedicatoria do autor á Academia
Dedicatoria do autor á Real Academia Galega