Un momento do acto celebrado onte no Museo do Pobo Galego para presentar as actuacións de divulgación da figura de Antón Fraguas
O Concello de Cotobade promove co gallo dos vinte anos do seu pasamento unha serie de actuacións para divulgar a figura de Antón Fraguas. A iniciativa foi presentada o martes 24 de abril no Museo do Pobo Galego, con intervencións do alcalde, Jorge Cubela López; o presidente do Museo, Justo Beramendi; o académico correspondente da RAG e biógrafo do homenaxeado, Clodio González Pérez; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; e o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes.
O presidente da RAG fixo referencia ao discurso de ingreso na Academia que Antón Fraguas pronunciou o 8 de maio de 1956 co título As coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro de Cotobade, ao que respondeu Ramón Otero Pedrayo. Ambos os dous textos están accesibles NESTA LIGAZÓN da páxina web da institución dende o ano 2016. Antón Fraguas ocupou a cadeira que deixara vacante Castelao despois do seu falecemento en Buenos Aires o 7 de xaneiro de 1950.