Medio cento de persoas dunha vintena de países participarán este verán nos Cursos Galego sen fronteiras

Os Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras” chegan este mes de xullo á súa trixésimo cuarta edición contando coa participación de máis de medio cento de estudantes procedentes de Europa, América e Asia. O programa, organizado pola Real Academia Galega en colaboración co Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, arrincará o vindeiro mércores, 3 de xullo, ás 12:30 horas co acto inaugural na Facultade de Filosofía (praza de Mazarelos, Santiago de Compostela), onde terá lugar o groso da actividade. A clausura  celebrarase no mesmo espazo o 24 de xullo, véspera do Día de Galicia.

Alumnas na xornada inaugural da edición do ano 2023 dos Cursos Galego sen fronteiras

As persoas matriculadas este ano proceden da Arxentina, do Brasil, dos Estados Unidos, da India, da China e de Alemaña, Reino Unidos, República Checa, Chipre, Finlandia, Francia, Holanda, Italia, Polonia, Portugal, Romanía, Ucraína, Rusia e distintas comunidades autónomas de España.

Os cursos combinan clases teóricas e prácticas de lingua e literatura galegas, organizadas en tres niveis, con excursións, visitas culturais, obradoiros de música e baile tradicional e palestras. Nesta edición o alumnado poderá escoitar a Berta Dávila reflexionar sobre a experiencia de escribir e edita libros; Rosalía Fernández Rial ofrecerá un relatorio sobre o poético en diálogo con outras artes; o catedrático de Historia Contemporánea da USC e académico de número Lourenzo Fernández Prieto deterase na emigración contemporánea a América; a filóloga do ILG María Álvarez de la Granja falará sobre a fraseoloxía galega; e a académica correspondente e profesora de Didáctica da Lingua da USC Montse Pena Presas achegará o alumnado á vida e á obra de Luísa Villalta, a autora protagonista do Día das Letras Galegas 2024.

O programa desenvólvese, co apoio económico da Deputación da Coruña e da Xunte de Galicia, baixo a dirección do vicesecretario da RAG e catedrático de Filoloxía Galega da USC, Henrique Monteagudo, e coa académica de número e profesora de Didáctica da Lingua e a Literatura María López Sández como secretaria académica.