Imaxe de portada da edición de 1841
No convulso contexto histórico do ano 1813, o xornalista coruñés de tendencia liberal Manuel Pardo de Andrade (1762-1823) publicaba un opúsculo titulado Os rogos d'un gallego establecido en Londres, dedicados os seus paysanos para abrirlles os ollos sobre certas iñorancias, no que denunciaba os abusos cometidos pola Inquisición.
Esta obra, que se pode consultar aquí, converteuse de inmediato nun fenómeno editorial que esgotou varias edicións nos anos posteriores á súa publicación, acadando unha cifra estimada de dez mil exemplares vendidos, e pasando a ser máis coñecida polo seu título reducido: Os rogos dun gallego.
Manuel Pardo de Andrade é considerado, ademais, o pai do xornalismo coruñés. En 1808 fundou o xornal Diario de la Coruña, máis tarde o Semanario Político, Histórico y Literario de La Coruña (1809) e o Boletín Patriótico (1811-1812). Finalmente, durante o Trienio Liberal traballou como redactor para o Correo de la Diputación Provincial de Galicia ata o seu exilio definitivo en Francia en 1823.
O programa destas xornadas, organizadas pola Academia coa colaboración do Concello de Oleiros e a Secretaría Xeral de Cultura, pódese consultar aquí.