A presentación do libro -editado co apoio económico da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación e dispoñible en versión dixital de descarga gratuíta na sección de publicacións da páxina web da Academia- tivo lugar no Arquivo do Reino de Galicia (ARG), entidade da que Pedro López, como Martínez Salazar, foi director. Canda o historiador interviñeron tamén o director da Sección de Historia da RAG, Ramón Villares, e Gabriel Quiroga Barro, do ARG.
A obra propia de Martínez Salazar atópase dispersa en multitude de periódicos e revistas de carácter tanto divulgativo coma científico, e supera os douscentos artigos. Entre as súas achegas como investigador documental, Pedro López destaca a proposta biográfica de Mayor Fernández de Cámara Pita, a heroína da Coruña coñecida equivocamente como María Pita; ou os traballos sobre os guerrilleiros da guerra da Independencia. Como editor levou ao prelo numerosos autores do Rexurdimento dende a Biblioteca Gallega (1885-1904) e promoveu Galicia. Revista regional de ciencia, letras, artes e folclore; e como paleógrafo e diplomatista publicou, entre outros, o códice galego do século XIV Crónica Troyana, que “desataría o entusiasmo dos intelectuais galegos dunha e doutra beira do Atlántico”, indica.
O legado de Martínez Salazar é ademais boa mostra da presenza en Galicia de astorganos e outras persoas de fóra da Galicia administrativa que, unha vez instaladas nesta terra, fixeron importantes contribucións ao seu desenvolvemento cultural, coinciden Víctor F. Freixanes e Ramón Villares. Outro exemplo é o sacerdote Marcelo Macías, amigo da infancia de Martínez Salazar, lembra Pedro López no libro.
O autor desta contribución biográfica é doutor en Xeografía e Historia, foi director do Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra e do Arquivo do Reino de Galicia, e mais catedrático de Biblioteconomía e Documentación da Universidade da Coruña, e na actualidade preside a Fundación Olga Gallego. Para esta biografía mergullouse en numerosos arquivos, entre eles o da propia RAG e o ARG.
A Biblioteca Gallega, un fito na historia de Galicia
Pedro López refírese á Biblioteca Gallega, a revista Galicia. Revista regional de ciencia, letras, artes e folclore e a editorial Martínez Salazar, promovidas todas elas polo académico, como “experiencias innovadoras que buscaron a perfección, a difusión e a promoción de escritores” ao servizo da cultura galega. “Segundo Rocher, Martínez Salazar foi o gran mecenas do Rexurdimento”, cita. “Foi o promotor da empresa editorial máis representantiva do Rexurdimento. A Biblioteca Gallega foi primeiro proxecto editorial estable nun momento en que o libro era o gran símbolo da modernidade e da dignidade da lingua”, valora na mesma liña Víctor F. Freixanes. “A Biblioteca Gallega é un fito da cultura galega do s. XIX”, comparte Ramón Villares.
Martínez Salazar fundáraa canda Juan Fernández Latorre, propietario e director de La Voz de Galicia, en 1885. Entre ese ano e 1904, o selo acubillou 52 volumes, edicións e reedicións de títulos de boa parte dos grandes autores do renacemento cultural de Galicia, dende Los precursores de Murguía (o primeiro número) ata Aires d'a miña terra de Curros Enríquez e Queixumes dos pinos de Pondal. “A partir do número oitavo os gastos correron en exclusiva a cargo de Martínez Salazar, que chegou a editar corenta e catro volumes máis, moitos deles con introdución, prólogo ou notas eruditas redactados por el. A Biblioteca Gallega viviu, polo tanto, do seu desinteresado mecenado”, advirte Pedro López.
O presidente da Academia salienta a importancia do traballo minucioso que realizou o biógrafo na reconstrución deste importante episodio na vida de Martínez Salazar xunto a outros capítulos que permiten afondar asemade na súa relevante produción intelectual como arquiveiro, bibliotecario ou historiador. Porque malia ser un persoeiro importante do rexionalismo cultural de finais do século XIX e principios do XX, Martínez Salazar é unha “figura un pouco esquecida”, considera Ramón Villares, que destaca o “rigor” dunha biografía que pretende contribuír ao seu mellor coñecemento.
O libro permite achegarse ao perfil máis persoal e á relación do protagonista coa Coruña e con personalidades dela como o bibliófilo Carré Aldao e outros membros da Cova Céltica ou Emilia Pardo Bazán. Nesta cidade vivía xa aos 25 anos e nela botaría raíces tras contraer matrimonio cunha moza coruñesa de familia acomodada, Petra Morás Suevos, con quen chegou a ter 19 fillos. “Ao parecer era unha muller de carácter e disposición, xa que rexentaba a libraría familiar nas horas de traballo de Andrés Martínez Salazar, ademais de encargarse da economía doméstica dun fogar sempre en necesidade de espazo e comidas para os numerosos fillos”, interpreta Pedro López.
A amizade con Murguía
A relación co primeiro presidente da RAG merece tamén unha epígrafe propia. “A súa grande amizade debeu ser Manuel Murguía, compañeiro, colaborador e mestre, que dirixiu as súas primeira publicacións. Murguía era director do Arquivo do Reino de Galicia cando Andrés chegou destinado alí, e trabaron unha boa amizade, que se renovou cando Murguía, que fora trasladado en 1892 á Biblioteca Universitaria de Santiago, conseguiu volver ao Arquivo Provincial de Facenda da Coruña, onde permaneceu ata 1905 en que foi xubilado”, detalla o autor.
Malia a relación fraternal que mantiñan, “as súas respectivas actividades de investigación están moi afastadas unha das outras”, prosegue Pedro López. “Xunto con López Ferreiro e Villaamil y Castro, Martínez Salazar sentou as bases da historiografía galega baseada no estudo e publicación de fontes documentais”, valora. Eles tres foron, de feito, os únicos galegos que chegaron a estudar na Escola Superior de Diplomática, o que lle permitiu ser “un arquiveiro sólido”, sinala Ramón Villares.
Pedro López detense tamén na relación entre Martínez Salazar e a Real Academia Galega, á que chegara da man de Murguía. Tras o pasamento deste o 1 de febreiro de 1923, o seu amigo ocupou a presidencia da institución o 12 de maio dese mesmo ano. Agardábase unha etapa continuísta pero a súa inesperada morte foi “un importante revés para a Academia, agravado pola suspensión de remesas procedentes de Cuba e mais pola instauración da ditadura de Primo de Rivera”.