Martín Codax canta en xaponés

Takekazu Asaka é unha autoridade na tradución do galego ao xaponés e un auténtico embaixador da cultura galega. "Empecei hai 30 anos con Rosalía e remato con Martín Codax, porque vaise achegando a miña xubilación", di con humor. A súa última obra, que non a derradeira polo momento, está dedicada a este autor medieval. Baixo o título 'Xograr Martín Codax', o profesor traduce ao xaponés e comenta ‘Ondas do mar de Vigo' e as súas outras seis cantigas de amigo. O libro, cun limiar do presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, presentouse este venres en Santiago.

O profesor Takekazu Asaka cun exemplar de 'Xograr Martín Codax'


Takekazu Asaka é autor da primeira gramática do galego moderno para xaponeses, traduciu a Rosalía de Castro, Ramón Cabanillas, Castelao ou Pondal ao seu idioma e tamén escribiu un libro para explicarlles aos seus compatriotas que é Galicia. Na súa última obra recúa no tempo, ata o século XIII, enriquecendo un traballo que ten a súa orixe en 1998, ano no que o Día das Letras Galegas foi dedicado ao propio Martín Codax, a Mendiño e a Xoán de Cangas. "Xesús Alonso Montero pediume daquela que traducise os poemas dos tres xograres e así iniciei a miña investigación", recorda.

O libro, Xograr Martín Codax, inclúe unha versión bilingüe das sete cantigas do autor, unha análise dos poemas, un traballo sobre a fonética, un glosario galego medieval-xaponés actual e un comentario para a lectura do Pergamiño Vindel, atopado no ano 1914 e grazas ao cal chegaron ata hoxe as composicións e a notación musical de seis delas. "A través deste orixinal, eu traducín primeiro as cantigas ao galego moderno e despois ao xaponés", conta o filólogo nipón, profesor de Filoloxía Románica da Universidade Tsudajuku de Toquio.

A edición complétase cun cedé no que o Yuri Ensemble interpreta as cantigas e un artigo sobre a súa música da directora do grupo. "Gústame especialmente como soa a cantiga número 3, Mía irmana fremosa. A soprano do Yuri Ensemble canta moi suave e emocionante", valora Takekazu Asaka.

"A versión xaponesa do profesor Takekazu Asaka está feita co rigor dos vellos filólogos e coa destreza de quenAlonso Montero: "Da man de Takekazu Asaka, canta en xaponés un poeta galego que é un clásico da poesía amorosa" coñece ben o galego de hoxe, que difire, en moi pouco, do galego de Martín Codax", salienta no limiar Alonso Montero. "Agora, da súa man, canta en xaponés un poeta galego do século XIII que é, en Occidente, un clásico da poesía amorosa", conclúe o presidente da Real Academia Galega.


Un momento da presentación do libro.


Xograr Martín Codax, publicado este ano no Xapón pola editorial Ronso co patrocinio da Secretaría de Estado de Cultura, foi presentado este venres no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. No acto interviron xunto ao autor Xesús Alonso Montero, o tamén académico Francisco Fernández Rei, o secretario do Centro Ramón Piñeiro, Armando Requeixo, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.