"Fürs Vaterland", tradución de POL-A PATRIA de Pondal por Marie Schlikan
A autora da tradución fora, en realidade, Marie Schlikau, dona de Viktor E. Björkman, tal e como podemos comprobar na copia dixital do orixinal da misiva, en francés, que se pode consultar nesta ligazón, con data o 25 de maio de 1913, e enviada desde Lübeck, de cuxo Instituto Práctico de Comercio Viktor E. Björkman era director.
Segundo lemos na tradución da carta, que se pode consultar nesta ligazón, o hispanista sueco entrara en contacto coa poética pondaliá a través da Literatura Gallega, de Uxío Carré Aldao, publicada en 1911, na que o ilustre libreiro, editor e primeiro secretario da Academia, incluía varias composicións do poeta de Ponteceso. O poema traducido por Marie Schlikau foi "POL-A PATRIA", o cal, segundo informa Viktor E. Björkman, apareceu publicado "nun dos máis lidos" xornais alemáns da época. Así mesmo, Björkman maniféstalle a Pondal a vontade da súa dona de seguir dando a coñecer a súa obra entre o público alemán.
Unha copia da tradución ao alemán deste poema pódese descargar aquí, mentres que, máis abaixo, transcribimos a versión publicada na citada Literatura Gallega de Carré Aldao.
POL-A PATRIA
Morrer en brando leito
entre molentes brondas,
rodeados d' amigos
qu' o pracer nos recordan;
de tímidas doncellas,
imbeles e chorosas,
que para mayor dozura,
na nosa última hora,
ó redor de nos ceiben
lírios e brandas rosas;
certo he desaparecer cal virxen tímida,
brandamente, e sin gloria.
Oh, quen morrer poidera
como o forte Leónidas,
envolto en duro ferro,
n-outras rudas Thermópilas!
Por unha pátria escura,
d' escravos e d' ilotas;
e deixar, cal cometa,
longo rastro de gloria!
E caíra non prono,
co a faz a terra volta,
mas as turmas conversa
audaz e miazosa;
ainda apreixando o rutilante ferro,
que verte gota á gota!
De modo que' o viandante,
vendo con gran zozobra,
crubir a dura terra,
a cinza poderosa,
dixera con espanto: -Certamente
este era grande cousa!