A morte prematura de Begoña Caamaño (1964-2014), pouco despois da publicación da súa segunda novela, Morgana en Esmelle (2012), condicionou a recepción da súa obra, e seguramente explica tamén a escasa produción de estudos sobre ela, considera María Xesús Nogueira. A profesora da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, unha das investigadoras que ata o momento profundaron no universo da autora á que a Real Academia Galega lle dedica as Letras Galegas 2026, sinala que o seu debut con Circe e o pracer do azul (2009) foi xa unha obra “de madurez”, unha “grata sorpresa innovadora” nas letras galegas do momento coa que Caamaño deu inicio á súa orixinal reescritura dos clásicos cos lentes feministas, abrindo para a narrativa camiños ata o momento limitados nas letras galegas á expresión poética. Tras contar A Odisea dándolles a palabra a Penélope e á amante de Ulises, a escritora mergullouse co seu segundo título no mito artúrico. “Ambas as novelas presentan un alto grao de elaboración literaria e lingüística, e son reflexións sobre o poder e sobre o xénero”, valora Nogueira.

Como definiría a pegada de Begoña Caamaño nas letras galegas contemporáneas?
Begoña Caamaño desenvolveu un modelo de escritura moi persoal e orixinal na narrativa do momento, construída conscientemente desde o feminismo, as súas dúas novelas reescriben relatos mitolóxicos previos desde ese punto de vista. Destacan igualmente polo alto grao de elaboración literaria e lingüística, cunha serie de decisións estéticas na elaboración do discurso, como é o carácter epistolar de Circe ou as diferentes perspectivas narrativas que introduce en Morgana. Hai toda unha arquitectura, tanto no que se refire á estrutura como ao código de ambos os títulos moi orixinal, que evidencia un modelo moi sólido.
En Circe e o pracer do azul cóntanos A Odisea desde a perspectiva da feiticeira que lle dá nome á novela e Penélope. É unha continuidade do camiño emprendido por Xohana Torres co seu Eu tamén navegar?
Existían exercicios previos de reescritura da figura de Penélope, pero no noso contexto Penélope é outra, por dicírmolo dalgún xeito, despois de Xohana Torres, quen abre novas posibilidades de reescritura. O orixinal da primeira novela de Begoña Caamaño é que complementa esas Penélopes da poesía desde a narrativa, e tamén o carácter programático co que parece construír o proxecto: despois de Circe, Begoña seguiu a reescribir os mitos centrándose na materia de Bretaña, coa que repite un pouco o mesmo. Neste caso hai máis exemplos previos nas nosas letras, de feito Begoña Caamaño dalgunha maneira dialoga en Morgana en Esmelle co Merlín de Cunqueiro. A súa reconstrución de Felipe de Amancia é moi interesante, fíltraa a través da tradición propia nunha novela que ten moitas capas e perspectivas.
Ambas as novelas demostran ademais o gran coñecemento que tiña a autora dos clásicos.
Así é, na súa obra hai un gran traballo de documentación, non só ad hoc. Ten detrás unha gran bagaxe de lecturas que se remontan á infancia. Begoña Caamaño foi unha lectora voraz e leu con moi poucos anos como A Odisea ou A Ilíada.
Alén da faceta literaria, a protagonista das Letras Galegas 2026 foi xornalista, e destácase ademais o seu activismo social. Que relación diría que hai entre a súa maneira de exercer o seu oficio, a Begoña Caamaño activista e o proxecto literario que definiu?
A curiosidade é un dos trazos fundamentais da personalidade de Begoña Caamaño, e esa mesma curiosidade que a leva a ir detrás da noticia está detrás da súa literatura. O feminismo tamén marcou a súa literatura e todas as facetas da vida, pero o que máis me sorprendeu a min no seu momento foi a distancia entre o seu rexistro xornalístico e estoutro rexistro literario tan elaborado. Coñecín a Begoña como xornalista, cando eu colaboraba no Diario Cultural da Radio Galega, onde ela traballaba. Ata onde eu sabía, non publicara ningún texto solto de creación antes de Circe, e sorprendeume moito esa novela que non era de iniciación, senón unha obra de madurez, tan ben pensada. Coñecíalle a escritura xornalística, tamén textos máis reivindicativos, máis políticos e escritos desde o activismo, e abraioume esoutra lingua tan diferente de Circe ou o pracer do azul. En calquera caso, Circe é unha obra moi política no sentido máis profundo. As súas dúas novelas son en realidade susceptibles dunha lectura política, son reflexións sobre o poder e sobre o xénero. Aínda que á primeira vista Morgana en Esmelle sexa máis política, Circe tamén ten unha carga considerable.
As Letras Galegas recoñecen a calidade da súa literatura, mais tamén son unha ocasión para poñer o foco na importancia da profesión que exerceu Begoña Caamaño e en como a exerceu, nun momento en que urxe reconstruír o espazo dun xornalismo para a cidadanía, comprometido coa verdade e co uso do galego.
Unha das singularidades das Letras Galegas de Begoña Caamaño é precisamente a súa condición de xornalista, de xornalista de rúa, de micrófono e reportaxe. Antes houbo outros xornalistas homenaxeados, pero son sobre todo figuras históricas que o exerceron desde o xornalismo literario e para as que o xornalismo era unha actividade a maiores. Begoña Caamaño non estaría hoxe en absoluto satisfeita co contexto actual que temos de desinformación a través das redes sociais e mesmo dos medios de comunicación, loitaría para reverter esta situación. Canto á lingua, tivo un discurso moi explícito sobre a responsabilidade do xornalismo coa súa calidade e dos xornalistas como transmisores dela. Nas crónicas que lle escoitei, a súa era tamén unha lingua coidada. Agardo que estas Letras Galegas promovan a reflexión sobre o imprescindible coidado do galego nos medios de comunicación, debera estar fóra de discusión.
No persoal, como lembra a Begoña Caamaño?
Era unha persoa moi alegre e con moita enerxía. Creaba un ambiente moi agradable no traballo, así a recordo eu.


