
Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863) (Galaxia, 2017), narra as orixes familiares da escritora e os seus primeiros anos da vida e de mocidade, aproveitando os últimos achados da investigación filolóxica e histórica.
A autora desta nova ollada á autora fundacional das letras galegas contemporáneas estudou Filoloxía Galego-Portuguesa e Filoloxía Hispánica na Universidade de Santiago de Compostela e doutorouse pola Universidade de Barcelona cun traballo sobre a apropiación de temas das lendas celtas e doutros da Bretaña pola literatura galega contemporánea. A interrelación entre os procesos de construción nacional e a literatura galega centra a súa investigación, que se desenvolve arredor de tres eixes: a vida e obra de Rosalía, o tratamento literario da suposta orixe celta de Galicia e a literatura da emigración e o exilio. É ademais tradutora de distintas obras do inglés e o alemán ao galego e colabora con distintas revistas literarias.
A decisión do xurado reunido hoxe no Ministerio de Cultura converte a María Xesús Lama na cuarta muller en recibir este premio, que recae por segunda vez nunha obra galega, despois de que o conseguise en 2008 De provincia a nación: historia do galeguismo político, de Justo Beramendi.