Xavier Senín no espazo dedicado á literatura infantil da Biblioteca Pública Ánxel Casal (Santiago de Compostela). Fonte: RAG
Xa saíu do prelo a biografía sobre a protagonista do vindeiro 17 de maio que asinan Isabel Soto e vostede, 'María Victoria Moreno. Sementadora de futuro'. Por que este título?
Pensamos que era un título acaído, porque a ela lle gustaba moito ensinar, estar cos rapaces e as rapazas. A súa actitude ante a vida, coas amizades e, sobre todo, co alumnado era a de axudar non só desde o punto de vista intelectual e académico, senón tamén no persoal.
Foi tamén sementadora de futuro para a lingua, tanto coas súas obras como nas aulas que impartía a adolescentes. Pero tamén lles aprendeu lingua e literatura galega a outros docentes nos cursos en cuxa organización vostede participaba a comezos dos anos 80. Como foi ese primeiro contacto? Como deu con ela?
Foi nunha reunión na que estabamos a programar os cursos de formación do profesorado. Buscabamos xente para impartilos e foi Rosario Álvarez, hoxe académica, quen a mencionou. "Foi profesora miña e é moi boa", dixo. A min non se me ocorrera, pero quedei encantado coa proposta, e despois tamén quedou encantado con ela o seu alumnado.
Para os profesores daquel momento tiña que resultar moi estimulante ter unha docente de galego que non era natural de Galicia.
Si, claro que era un exemplo. Non se decataban de que era de fóra, porque tiña moita capacidade para as linguas, pero co trato acababan sabendo que non era de aquí. Que ela falase así de ben galego e soubese tanto da nosa literatura deixábaos sorprendidos e ao mesmo tempo animábaos a seguir adiante.
A amizade persoal que mantivo con ela deixou pegada nos seus libros. Como fixo noutros casos, os seus fillos tamén lles dan nome a varios personaxes das súas obras.
Si, ademais, é curioso, non lles puña só o nome, tamén o apelido! Era unha mostra de cariño como moitas outras das que tiña. Dicíache: "Calquera día voute poñer nun libro!". E ao final, aínda que non cho avisaba, vías que era realidade.
Xavier Senín, xunto a María Victoria Moreno, diríxese a Xesús Alonso Montero, á dereita da fotografía, durante a presentación de Leonardo e os fontaneiros. Imaxe cortesía de Xavier Senín
A primeira novela de María Victoria Moreno é un libro para adultos, escrito aínda en castelán e publicado en galego por vostede baixo o título 'Onde o aire non era brisa'. Pero ela deixou dito que decidiu dedicarse como escritora á literatura infantil e xuvenil (LIX). Tivo ocasión de falar con ela sobre esta escolla? Pensa que se vivise máis tería regresado á narrativa para adultos?
O que é evidente é que ela sabía escribir. Eu sosteño que se escribes para adultos non tes condicionante ningún, pero se escribes para rapazas e rapaces si que os tes. Recordo ver"Foi absolutamente consciente de que o que se necesitaba en Galicia era escribir literatura para nenos e nenas, e por iso se centrou nela" na súa casa o orixinal de Onde o aire non era brisa, titulado Alcores de Donalvar, que quedara finalista no Premio Café Gijón en 1969. Díxenlle: "Victoria, poderías mirar...". "Non, é de hai moito tempo e agora estou dedicada á literatura infantil e xuvenil, non quero saber nada disto", respondeu. Foi despois, xa casada con Pedro [Ferriol], cando el a convenceu de que enviase esta obra ao premio do Concello de Monleón de 2005, que acabou gañando. Pero ela foi absolutamente consciente de que o que se necesitaba en Galicia era escribir literatura para os nenos e nenas, porque había pouca, e polo tanto ela centrouse niso.
Foi daquela unha decisión premeditada desde a responsabilidade?
Si, efectivamente, a responsabilidade está claro que a tiña. Podería falar e escribir en castelán pero decidiu facer toda a súa vida en galego. Foi unha determinación como escritora, mais tamén como tradutora, porque hai que dicir que practicamente todo o que traduciu é literatura infantil e xuvenil.
Nestoutra faceta, a de tradutora, é autora de versións en galego de obras que, como as súas, gozaron de grande éxito entre o público adolescente.
Si, Mecanoscrito da segunda orixe, de Manuel de Pedrolo, por exemplo.
En calquera caso, volvendo a 'Onde o aire non era brisa', nas súas páxinas xa aparecen unha serie de temas moi presentes nas obras posteriores: a importancia da docencia, o sentido da xustiza etc. María Victoria Moreno dicía que escapaba do politicamente correcto pero a súa obra está chea de valores universais.
Claro. En breve sairá do prelo en Urco Nosoutras, con varios contos para adultos inéditos, da época desa novela. Neles aparecen eses temas que lle preocuparon toda a vida, tamén na literatura infantil e xuvenil que facía, o que pasa é que na LIX non estaban representados tan cruamente.
De todas as obras que deixou escritas, cal o emociona máis?
A min gustáronme moito os seus poemas, pero a súa obra máis innovadora no seu momento foi Leonardo e os fontaneiros, porque podes seguir a historia de maneiras distintas, a través do can, Leonardo, ou a través de Antón, o protagonista. A fórmula utilizáraa Cortázar e empezaba a estar de moda nese momento, a María Victoria gustáralle moito e tiña moitas esperanzas nesa novela. Presentouna ao Premio Barco de Vapor e, a pesar de non gañar o primeiro prmeio (acadou o terceiro), foi moi vendida. Ela tamén lle tiña moitísimo cariño a Anagnórise. Escribiuna despois de traballar no IES de Vilalonga, case ao final da súa carreira docente, e aí está o seu alumnado. Coido que é unha obra xuvenil redonda e que hoxe en día segue sendo moi actual.
Falemos desa poesía para adultos. Vostede encargouse da edición póstuma dos versos reunidos en 'Elexías de luz'. Coñeceu esta produción previamente? Puido conversar con ela sobre este traballo?
Coñecía algún poema dela e sabía que tiña moita facilidade para facer versos, por exemplo, sonetos, que non é nada doado, pero non tiña nin idea de que tivese toda esa obra poética. Foi despois do seu pasamento cando a súa filla e o seu home dixeron: "Queres mirar estes poemas?". Algúns deles si que os coñecía, pero non, non falara con ela nunca dese tema.
Pero sorprendeuno coñecer esa faceta de poeta que amosa 'Elexías de luz'?
Non me estrañou nada, se me din que aparece unha obra de teatro de María Victoria "Coñecía algún poema dela, pero non tiña nin idea de que tivese toda esa obra poética. Mais non me estrañou, ela coñecía moitísimo a literatura, a clásica e a do século XX, e como creadora dominaba a técnica da escrita, tanto da prosa como da poesía"Moreno, non me estrañaría en absoluto. Coñecía moitísimo a literatura, tanto a clásica como a do século XX, e como persoa creadora dominaba a técnica da escrita, polo tanto da poesía e da prosa. Desde a Xunta de Galicia encargáraselle un libro para a colección "Andel", Verso e prosa, porque nos parecía que podía ser interesante para o alumnado e o profesorado de EXB. Daquela non había nada [de material didáctico en galego] sobre versificación e ela escribiu este libro de moi boa gana, e con moito traballo, porque había que buscar exemplos das estrofas en composicións de autores galegos.
Facendo balance, como definiría a literatura de María Victoria Moreno e a pegada que deixou na cultura galega?
En primeiro lugar, escribiu unha obra non moi ampla, de non moitos títulos, pero moi correctamente feita. E logo está o exemplo da súa vida no tocante ao que a nós nos interesa, a nosa cultura e a nosa lingua. Ela veu a Galicia en 1963 e xa non marchou, mentres que ata o momento andara de aquí para alá, e na casa sempre lles falaba en galego ao home e aos fillos. Nese sentido, creo que María Victoria Moreno pode servir, ten que servir de exemplo a todos os galegos e galegas, a todos nós, os que somos galegos e galegas de nacemento.
Di que deixou unha obra non moi ampla pero tampouco é breve tendo en conta que foi primeiro unha persoa con múltiples responsabilidades familiares e que despois se viu limitada pola enfermidade.
Si, ela sempre se viu condicionada a escribir aos poucos, practicamente non tiña momentos para facelo e escribía na cociña, de noite.
Di tamén que escribía moi correctamente. Ela mesma tiña boa autoestima con respecto á súa literatura, non si?
Ela sabía que as súas obras podían lerse con gusto e que estaban moi ben escritas. Nos seus poemas para nenos e adultos calquera pode ver, aínda que non entenda de poesía, como están feitas a rimas, o ritmo, como está lograda a acentuación... Ela era consciente diso, que podería non ser a mellor, pero que escribía ben e que iso era o que podía achegar á nosa literatura. E, efectivamente, era certo, coido que escribía ben e que achegou moito á nosa literatura.
Pero foi suficientemente valorada pola crítica ou aínda é unha autora por descubir nese eido?
Chama a atención que nalgún momento algunhas das súas obras pasasen desapercibidas, pero a continuación hai que dicir que non só lle pasou a ela, senón a moita xente que escribía literatura infantil e xuvenil. Pero non só por parte da crítica, senón tamén por parte dos compañeiros. Os escritores e escritoras de literatura imos dicir para adultos, ou sen marcar, a literatura infantil e xuvenil tíñana como unha literatura de segunda. Era así e era inxusto, e ao final, que pasou? Que toda esta xente tivo recoñecementos fóra. No ano 1989, María Victoria e Paco Martín participaron nunha exposición do libro infantil e xuvenil en galego que se celebrou no lugar máis importante en España naquel momento para a LIX, a Fundación Germán Sánchez Ruipérez (Salamanca); fíxose unha exposición que se titulou Galicia no país das marabillas, que era Galicia nos seus libros para nenos e nenas. Alí tamén estiveron Antonio García Teijeiro, Agustín Fernández Paz, Xavier Docampo...
Daquela estaría moi contenta coa eclosión actual que vive a literatura infantil e xuvenil galega.
Claro! Volvo dicir, ela foi un dos puntais para que a nosa literatura se desenvolvese. Estaría moi orgullosa porque estaba convencida, porque tamén a convenceramos os demais, de que fora unha peza importante para o desenvolvemento desta literatura.