"María Victoria Moreno foi unha adiantada ao seu tempo, desde nova tocou na súa obra temas dos que non se falaba"

Aínda non sabe como chegou aquel exemplar da tradución ao castelán de Leonardo e os fontaneiros a un dos andeis do armario dos libros na casa familiar de Cuba. Un día, Pedro Ferriol elixiuno ao chou e empezou a lelo. Gustoulle tanto que, despois de o reler varias veces, decidiu escribirlle á autora a través da editorial. O selo fíxolle chegar a María Victoria Moreno aquela carta, a primeira dunha serie de encontros sobre o papel que marcaron o inicio dunha relación que os acabou unindo para sempre. O viúvo da escritora, que en 2003 deixou o seu país para vivir xunto a ela, recorda nesta entrevista o tempo compartido, marcado pola enfermidade pero aínda así fértil no literario.

Pedro Ferriol. Fonte: RAG


Man a man, María Victoria Moreno e Pedro Ferriol revisaron a primeira novela dela, escrita nos anos 60, e déronlle unha nova vida baixo o título Donde el aire no era brisa, recoñecida co premio de novela curta do Concello de Monleón (Salamanca). Pola súa culpa, di o viúvo, a autora incumpriu a promesa que fixera nos primeiros anos 70 de publicar só en galego. Para resarcirse emocionalmente, tras o seu falecemento empeñouse en que esta obra vise a luz na lingua que a autora fixo súa. Pedro Ferriol tamén se encargou de darlle forma ao seu arquivo persoal e decidiu, xunto coa filla de María Victoria Moreno, entregarlle os seus textos inéditos a Urco Editora para rescatar unha autora que, lamenta, tras a súa morte foi inxustamente esquecida.

A súa relación con María Victoria Moreno comezou a partir da lectura dun libro ao que ela lle tiña moito cariño, 'Leonardo e os fontaneiros'. Que lle chamou a atención deste libro?
Collinlle moito cariño porque nel hai tanta humanidade, tanta entrega ao amor, á vida... Lino tantas veces! Aínda teño na mente fragmentos das súas leccións de vida.

Despois de moitas cartas, conversas telefónicas e contacto a través do correo electrónico, o 1 de xaneiro de 2003 escribíronse cadanseu poema de amor.
Si, ela mandoume un soneto, o penúltimo que aparece en Elexías de luz (Xerais, 2006) ("Pides amor, mi amor, y amor te doy, / amor de mi silencio y de mi espera, / amor, cosecha y flor de sementera / que por tu luz cultivo desde hoy"), e eu mandeille un poema de verso libre no que explicaba como non amar unha muller tan especial coma ela ("Dime cómo no amarte / ahora que tu voz embriaga mis oídos / y tu prosa acariciadora deleita mis sentidos...").

Pouco despois, o 16 de maio de 2003, casaron en Cuba e vostede veu vivir a Galicia xunto a ela. Uníaos a paixón pola escritura.
Xa desde a primeira carta lle expliquei que eu tamén escribía, pero non tiña fins de publicar nin de enviar nada a ningún concurso alá en Cuba. Só o facía polo amor de escribir e deixar en folios o que sentía. Ela animábame moitísimo nas súas cartas e conversas, porque dáte conta de que eu empecei a escribir pasados os 50 anos de idade. Ao chegar a Galicia, constituímos unha especie de sociedade literaria.

E chamárona Olmo. En que consistiu?
O proxecto Olmo consistía en que traballabamos xuntos. Eu axudábaa co seu traballo e ela axudábame co meu. Traballabamos tanto naqueles primeiros tempos que María Victoria lles comentaba aos amigos que o noso ordenador botaba fume!

Que estaba a escribir ela naquela época?
Cando eu cheguei, ela aínda estaba enfrascada na conclusión de Diario da luz e a sombra (2004). Tiña un xeito moi peculiar de traballar: xurdíalle unha idea, redactaba un texto, gardábao e logo talvez o incluía nunha obra. Xa sucedera, por exemplo, en Mar adiante (1973), onde incluíu dous contos que escribira antes. Pois nesa época tamén.

Queda aínda obra inédita de María Victoria Moreno?
A partir da homenaxe que en 2015 lle fixo a asociación feminista a Sega, máis ou menos un ano antes de que se anunciase que sería homenaxeada co Día das Letras Galegas, a editorial Urco contactou coa familia interesándose por rescatar a súa obra, porque na miña opinión, e de moitos dos seus amigos, houbo unha etapa de cerca de dez anos en que practicamente foi a esquecida das letras galegas. Nós démoslle a esta editorial toda a obra inédita dela que tiñamos gardada e parte xa foi publicada en O amor e as palabras e Nosoutras. Aínda queda algo por saír do prelo, haberá algunha sorpresa máis nas vindeiras semanas.

Como afectou a enfermidade á súa produción literaria?
Aínda que subiu o ritmo cando cheguei a Pontevedra, a enfermidade afectábaa. Uns seis meses antes de morrer xa estaba moi maliña e o que facía era maiormente axudarme a min co que escribía, darme consellos...

Pero nesa etapa final vostedes dous traballaron no rescate da súa primeira novela, 'Alcores de Donalvar', que foi finalista no Premio Café Gijón en 1969, pouco antes de que decidise como escritora expresarse sempre en galego. Como foi o proceso de recuperación desa obra?
Foi unha casualidade. Un día María Victoria pediume que lle buscase algo nun caixón do despacho e atopeime cun exemplar envolto en cartón, moi amarelento, escrito en castelán cunha máquina de escribir moi antiga. Pregunteille que era e díxome que era a súa primeira novela, escrita cando era moi moza. Nunca se animara a traducila e en castelán nunca quixo publicar nada. Lina, encantoume e foi tanta a miña insistencia que empezamos a traballar un pouco nela entre os dous. Foi nesa revisión cando adoptou outro título, Onde o aire non era brisa, e a enviou ao premio de novela curta do Concello de Monleón. Gañouno e alá fomos unha madrugada, a recollelo con ela a súa filla e mais eu.

Debeu de ser unha experiencia moi emotiva. A entrega do premio a esta novela de mocidade chegou cando o cancro que acabou coa súa vida xa estaba moi avanzado.
Si, foi tamén unha viaxe esgotadora para ela... Pero houbo dúas cousas que me emocionaron moito da súa intervención no salón de actos do Concello de Monleón cando recolleu o premio, o 28 de agosto de 2005. O primeiro que dixo foi unha cousa moi simpática, que non viñera a Monleón a poñerlle os cornos a Galicia, porque esta obra estaba en castelán e ela prometera desde principios dos anos 70 que toda a súa produción literaria sería en galego. Tamén me emocionou moito cando dixo que con ese premio pechara un ciclo vital da súa vida. E foi como unha premonición: meses despois, en novembro, faleceu.

Tras o seu pasamento, vostede traballou ordenando o seu arquivo persoal, un xeito de reconstruír a vida de María Victoria Moreno.
María Victoria era un pouco deixada neste aspecto. Atopei en caixóns, caixas e cartafoles moitos recortes de prensa, cartas... de toda a súa vida literaria desde decembro de 1971... Ordenar todo isto foi unha tarefa que se demorou meses ata que conformei seis álbums completos con toda a cronoloxía da súa vida. Ademais da satisfacción que me produciu, asumín esta tarefa porque quería completala como un legado para a súa filla Begoña e, agora, para a súa neta Victoria.

Ese arquivo percorre, polo tanto, a súa traxectoria desde un chisco antes de instalarse definitivamente no galego, cando xa estaba a gañar algúns premios.
Si, Alcores de Donalvar foi finalista no Premio Café Gijón, pero gañou os Xogos Florais de Guimarães con "La casa de las Marías", un conto en castelán que foi recuperado en galego en O amor e as palabras. Pero, como dixen, chegou un momento en que decidiu que non ía publicar nada máis en castelán, que se ía comprometer coa lingua de Galicia, e esa promesa cumpriuna durante toda a vida. Ben, incumpriuna en parte por culpa miña cando gañou o premio con Donde el aire no era brisa, que implicaba a súa publicación. Para resarcirme emocionalmente e compracela, tras o seu falecemento pedín permiso ao Concello de Monleón para publicala en galego. Da tradución (Onde o aire non era brisa, Galaxia, 2009) fíxose cargo o seu grande amigo Xavier Senín.

Nesta novela de mocidade xa hai moitos elementos que serían constantes na obra de María Victoria Moreno. A protagonista é unha docente vocacional e a súa historia, que se desenvolve na atmosfera opresora dunha vila castelá dos anos 60, ofrece unha perspectiva crítica da sociedade caciquil da época.
Si, ela foi unha docente vocacional como a protagonista desta historia. Expresouno en varias ocasións: se tivese que elixir entre ser escritora ou profesora, ela quedaría coa docencia. Pero, ao meu modo de ver, ela ensinou tamén moito dentro da súa obra: ensinou valores humanos, de vida. Coido que como escritora foi incluso unha adiantada ao seu tempo, porque desde moi nova tocou temas dos que naqueles tempos non se falaba. A súa obra aborda temas como a discriminación racial, a homosexualidade, o mundo das drogas...

E faino sen caer na literatura dominada polo politicamente correcto, na que se introducen "pílulas de moralina", como ela criticaba.
Si, pero ela pensaba, como penso eu, que a literatura para nenos non se pode escribir só para entreter. Está ben que os entreteñas, pero se non lles ensinas valores, lección de vida, non fixeches boa literatura infantil e xuvenil.

Está sendo o ano das Letras Galegas de María Victoria Moreno como esperaba?
Non pensaba que ía ser tanto! A súa filla, os seus irmáns, que non viven en Galicia, e mais eu estamos moi orgullosos e felices. Creo que se María Victoria nos puidese ver, sería moi feliz, estaría moi contenta.