María Victoria Moreno abre a serie audiovisual dos Bolechas sobre as Letras Galegas

A Real Academia Galega acolleu este mércores a presentación dun novo título da colección As miñas primeiras Letras Galegas dos Bolechas dedicado a María Victoria Moreno, a autora homenaxeada este ano. Pero ademais do libro, o acto serviu para presentar un novo proxecto audiovisual dos Bolechas baseado na colección das Letras Galegas.

O presidente da Academia, no centro da imaxe, e os demais intervenientes na presentación do novo proxecto dos Bolechas posan co alumnado e o profesorado do CEIP Cidade Vella. Fonte: RAG


Trátase dunha serie de monicreques cun formato similar á que vén emitindo a Televisión de Galicia desde hai xa seis anos con grande éxito, pero centrada nas autoras e autores aos que se lles ten dedicado o Día das Letras Galegas, que se conmemora cada 17 de maio. Este ano a protagonista é María Victoria Moreno, polo que ela foi a elixida para a estrea da serie na sede da Real Academia Galega na rúa Tabernas.

Os afortunados e afortunadas que puideron ver en primicia o primeiro capítulo foron os escolares do CEIP Cidade Vella da Coruña que participaron no evento, ademais dos propios Bolechas, que acompañaron as nenas e nenos durante todo o acto na institución, na que foron recibidos polo seu presidente, Víctor F. Freixanes. "A iniciativa dos Bolechas non é nova", comentou o presidente. "Cadra moi ben co espírito da autora a quen este ano a RAG dedica o Día das Letras: unha escritora, editora e mestra preocupada por fornecer de material aos rapaces e rapazas máis novos, que empezan a descubrir a lectura e a lingua como unha festa, na que podemos participar todos e todas", expresou.

Na presentación participaron tamén responsables de dúas das institucións que colaboran no proxecto das Letras Galegas dos Bolechas: José Manuel López Marcos, director de mercadotecnia de Caixa Rural Galega, e Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística; o director de proxección social da TVG, Xaime Arias, e Antonio Couto, de Edicións Bolanda. O editor lembrou que o novo libro sobre María Victoria Moreno é xa "o noveno título da colección Letras Galegas, tras Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Álvaro Cunqueiro, Manuel Murguía, Ánxel Fole, Rosalía de Castro, Manuel María e Carlos Casares". Tamén subliñou a importancia do novo proxecto audiovisual "para achegarlles as figuras senlleiras da nosa literatura ás nenas e aos nenos a través dun medio amigo para eles como é a televisión".

A serie permite darlles vida ás historias creadas por Pepe Carreiro para os libros e estender a difusión desta relevante colección infantil e, por tanto, dos autores e autoras protagonistas da mesma. Os capítulos da famosa familia Bolechas dedicados á figuras homenaxeadas pola Real Academia Galega poderán verse no Xabarín Club na semana das Letras Galegas, avanzou Xaime Arias, que enmarcou esta iniciativa dentro da función de servizo público da TVG. José Manuel López Marcos salientou en termos similares que para Caixa Rural é unha honra apoiar proxectos como estes dentro da estratexia de responsabilidade social da entidade financeira e Valentín García confiou en que anime os nenos e nenas a empregaren máis a lingua galega.

Coñecer a María Victoria Moreno
No caso de María Victoria Moreno, tanto o libro como o audiovisual baséanse no primeiro libro que publicou a autora, Mar adiante (1973). A historia fala dunha escola barco e, como é habitual nesta colección, a aventura dos Bolechas enriquécese con textos da obra orixinal, de xeito que os nenos e nenas se acheguen á linguaxe e ao estilo da autora, da que tamén se ofrece unha pequena biografía. Ao final inclúese tamén un minidicionario con termos para facilitar a comprensión do texto e completar a experiencia lectora da nena ou neno.

Deste xeito, a boa acollida dos Bolechas é aproveitada para introducir grandes autores e obras da nosa literatura dun xeito divertido e disociado da aprendizaxe regrada, dándolle un valor engadido a este proxecto arredor das Letras Galegas.

Os Bolechas para aprender e divertirse
Desde que comezaron a publicarse no ano 2000, Os Bolechas convertéronse nun auténtico fenómeno. Con máis de 550 títulos publicados e máis de 1.700.000 exemplares distribuídos, teñen unha verdadeira lexión de seguidores entre os máis pequenos, que seguen con paixón as súas aventuras, ben sexa a través dos seus libros, da televisión, nas propostas escénicas ou nas saídas á rúa.

Este seguimento masivo e continuo durante máis de 17 anos permitiulle a toda unha xeración de galegas e galegos achegarse á cultura e á literatura en lingua galega desde os primeiros anos de vida –posto que os Bolechas usan sempre o galego na súa versión orixinal–, o que supuxo un importante papel na promoción e difusión do idioma. Tanto é así que moitos nenos teñen na casa –e sobre todo no colexio– o seu primeiro e máis intenso contacto co galego a través das súas aventuras, todas elas cun destacado contido didáctico e pedagóxico, que contribúe á formación dos escolares de educación infantil e de primaria de Galicia mediante o pracer e o divertimento.


O presidente da Academia conversa co alumnado momentos antes do inicio da presentación. Fonte: RAG