María do Cebreiro Rábade Villar
Que características definen a obra de Díaz Castro?
En primeiro lugar, salientaría a súa concepción do poema como un camiño de procura existencial, por momentos case filosófica, no esteiro do que Alain Badiou denominara a "Idade dos Poetas". Con este termo, Badiou tentaba nomear un longo período da poesía europea caracterizado pola intensa relación entre o pensamento e a poesía e que, se nos cinximos á lírica alemá, se estendería entre as obras de Hölderlin e Paul Celan. Penso que é a esta tradición á que cómpre adscribir a poética de Díaz Castro e, en xeral, a chamada "Escola da Tebra". As súas notables diferenzas coa "poesía desarraigada" da postguerra española atópanse xustamente na influencia do existencialismo francés, moi fonda na escola galega e máis superficial na castelá. E ao cabo, a literatura existencial ten a súa máis remota orixe na tradición fenomenolóxica alemá: de novo, a "Idade dos poetas". Nese sentido a "Escola da Tebra" sería a manifestación máis nidia da plena inserción da poesía contemporánea galega na tradición central da poesía europea, desde o Romanticismo á modernidade.
Da obra de Díaz Castro paréceme asemade moi relevante a súa elegancia métrica, que se traduce en tres aspectos: a) a habelenza versal, tanto nos metros curtos como nos de máis grande alento; b) un manexo inusualmente experto do hendecasílabo branco (acaso de impronta shakespeareana) e c) a musicalidade na distribución dos acentos rítmicos, seguramente derivados do seu íntimo coñecemento da métrica clásica de pés.
Que pegada deixou a súa obra na literatura galega posterior?
Relendo Nimbos decateime de que en Díaz Castro se dera unha asimilación moi temperá de procedementos que só comezaron a ensaiarse con sistematicidade entre nós desde comezos da década dos oitenta do século pasado, e que sen dúbida tiveron que ver co seu rol de tradutor. A súa poesía reflicte, por exemplo, a recepción galega de técnicas de representación da voz poética bastante sofisticadas, e que probablemente pode relacionarse coa lectura da poesía contemporánea en lingua inglesa, tal e como foi teorizada por Robert Langbaum no seu libro The Poetry of Experience.
Na poesía galega haberá que agardar ao Herba aquí ou acolá de Cunqueiro para ver ese despregamento, nada exhibicionista, de técnicas de representación subxectiva como a autonominación, presente no pórtico de Nimbos ("Como tempos fuxidos").
Noutros poemas do libro, como "O berro das pedras", resulta moi visible un impulso épico, que tenta romper as costuras do verso, e que será logo levado á súa apoteose no Vietnam Canto de Uxío Novoneyra ou, máis tardiamente, en Estirpe de Xosé Luís Méndez Ferrín. Coido que os principais achados de Nimbos alentan tamén na poesía de María Mariño, singularmente no seu Palabra no tempo, e na obra de mocidade de Xohana Torres.
Ao seu xuízo, que vixencia conserva actualmente a súa obra?
Resulta difícil valorar a vixencia dunha obra construída deliberadamente desde a paciencia e o acougo, unha obra sostida (case suspendida) ao longo de moitos anos, e que resultou ser case literalmente o traballo dunha vida. Hoxe en día, as mudanzas contemporáneas nos medios e soportes de difusión da poesía converten estas circunstancias nunha proeza. Tampouco creo que resulte particularmente atractivo o seu modelo alegórico de representación da identidade galega, moi baseado (como, por outra parte, acontecía coa Rosalía de Castro de En las orillas del Sar) nun redentorismo de fundamento cristián.
Con todo, penso que hai algúns aspectos nos que a obra de Díaz Castro segue a ser moi vixente. Salientaría sobre todo o vínculo entre poesía e coñecemento, de longa raizame na poesía europea cando menos desde os metafísicos ingleses, e transitado máis recentemente por autores como José Ángel Valente. Por outra banda, poida que na concepción formal do verso a poesía de Díaz Castro sexa clásica, pero na súa concepción temática e subxectiva a súa obra constitúe unha destilación do máis selecto da tradición moderna. Os seus anxos, por exemplo, están máis cerca de Rilke que das xerarquías evanxélicas e a súa concepción do mundo das cousas é puramente fenomenolóxica, de acordo coa lectura que fixera Heidegger de Hölderlin ou de Rilke: "Eí están, como brasas contra a noite, / as vellas cousas, cheas de destinos".