María López Sández ingresa na RAG: “A literatura serve para sandar a ferida da perda da vivencia da natureza”

María López Sández ingresou hoxe na Real Academia Galega como membro de número explorando a relación da paisaxe cos inicios do ensaísmo galego. A filóloga e escritora, profesora de Didáctica da Lingua e da Literatura da Universidade de Santiago de Compostela, reivindicou a descrición da natureza como parte esencial da necesidade da autorrepresentación colectiva e puxo o acento na importancia da xeración dos 50 neste labor intelectual. “A paisaxe constitúe un dos eixos recorrentes, poida que o máis sobranceiro de todos, do pensamento galego”, afirmou no discurso que pronunciou no Círculo das Artes de Lugo, a súa cidade natal. A nova académica identificou o xermolo do ensaísmo no limiar de Cantares gallegos, exemplo de “autorrepresentación radical” que “constituíu o acto político máis poderoso da Galicia do século XIX”; e sinalou a Ramón Otero Pedrayo como figura clave para a eclosión a mediados do século pasado dun xénero que sempre constituíu para as linguas minorizadas “o último chanzo na loita polo seu recoñecemento como códigos de pleno dereito”. 

1/13

O discurso de María López Sández préstalles unha atención especial aos autores lugueses dos anos 50, que foron parte destacada dunha xeración que construíu “unha obra coral” arredor da paisaxe. O propio Celestino Fernández de la Vega, quen parodiando a Ortega y Gasset afirmou “eu son eu e maila miña entrañable e íntima paisaxe luguesa”, salientou, nun artigo publicado en El Progreso, o papel de Ánxel Fole na cohesión do grupo que eles mesmos formaron con Ramón Piñeiro, Luís Pimentel e outros autores, “toda unha constelación de figuras que se atopan neste Lugo da posguerra e que desempeñarán un papel decisivo na historia de Galicia e na consolidación do ensaio como xénero das nosas letras”.

A investigadora gaba en concreto un par de textos, Abrente e solpor da paisaxe, de Celestino Fernández de la Vega, do que resalta a fondura filosófica e o entroncamento coa historia das ideas estéticas;  e Mito e realidade da Terra nai, de Xoán Rof Carballo, “un dos máis fermosos ensaios sobre a paisaxe galega”. “Detérmonos nestes dous ensaios esenciais do pensamento galego arredor da paisaxe é un modo de abrirmos a fiestra cara a esta preocupación central en toda a xeración de Galaxia e na súa escrita ensaística”, explica. Moitos e moitas, detrás de todos eles, seguiron a achegarse ao pensamento arredor da paisaxe. María López Sández fíxoo desde os formatos máis académicos, pero seguramente todos e todas o fixeron movidos, comparte ela, “por ese mesmo engado que nos chama desde un misterio último e íntimo do que abrolla a nosa emoción da terra, do noso habitar a paisaxe, inesgotable, que se revela na linguaxe poética e na construción literaria”.

Lembranza de Darío Xohán Cabana e Salvador García-Bodaño
Marilar Aleixandre foi a encargada de darlle resposta a María López Sández en nome da RAG nunha sesión extraordinaria pública que contou coa presenza de representantes das distintas institucións da vida cultural, política e cívica do país. A académica de número lembrou que María López Sández fai a número trece das mulleres elixidas numerarias e a número nove das académicas do pleno neste momento; e puxo tamén o acento no “empeño de esculcar o que fica nas marxes” e nas orixes dunha muller educada no ensino público. “O pobo traballador e labrego, as fillas de condutores de camións, as netas das exiliadas, merecen ter voz na Academia para contar a súa propia historia”, concluíu Marilar Aleixandre nunha emotiva intervención que indagou nas raíces familiares da nova académica, cunha primeira parada na foxa común do cemiterio de Ceares (Xixón), onde en 1937 foi asasinado o seu bisavó paterno.

Antes de profundar no tema do seu discurso, titulado Onde abrolla o manancial: a paisaxe na raíz do ensaísmo galego, María López Sández rendeulle homenaxe a Darío Xohán Cabana (1952 – 2021), quen foi tamén veciño da cidade de Lugo e cuxa cadeira ocupa dende hoxe. E fíxoo lembrando en primeiro lugar o día que o viu por primeira vez en persoa, “cunha presenza solemne”, “senlleiro e contemplativo”, na mesma praza Maior que hoxe acolleu a súa recepción na RAG. Foi pouco despois de ler, no mesmo instituto no que el estudara, Galván en Saor. “Esa narración foi o meu primeiro achegamento á súa obra e, xa entón, para alén do engado do ciclo artúrico, me engaiolou particularmente a construción do espazo”, expresou a académica trazando un nexo coa cerna da súa disertación. Aplaudiu tamén a súa produción poética, na que cultivou, indo contracorrente, os elementos clásicos, sempre “dun xeito anovador e rupturista coa tradición patriarcal”, e recordou a súa dimensión de tradutor que, con “habelencia e coidado”, trouxo ao galego grandes textos da literatura universal.

A sesión arrincou gardando un minuto de silencio en memoria doutro académico de número, Salvador García-Bodaño, quen faleceu o pasado martes; e rematou coa entrega do diploma e a medalla de académica a María López Sández por parte do presidente da RAG. Víctor F. Freixanes salientou o labor investigador e creativo da nova académica, mais tamén a súa condición de docente. “Todos e todas nós somos fillos e fillas dun bo profesor”, expresou.

Manter colectivamente viva a “irmandade do zume vexetal”
A descrición da paisaxe na cultura galega como unha das condicións simbólicas da nación é unha constante na traxectoria de María López Sández como estudosa da literatura galega dende os seus comezos. A súa tese de doutoramento deu lugar a Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio (2008), obra que lle valeu o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, e neste mesmo gran tema volve profundar no discurso de ingreso na Academia. 

A autora identifica unha dimensión individual e vivencial da paisaxe, mais tamén outra cultural e colectiva; lamenta a perda íntima e social que provoca o afastamento da natureza e sinala a literatura como forma de combatermos un proceso aínda non consumado en Galicia, que permite mantermos viva a que identifica como “irmandade do zume vexetal”. “Poida que ningunha outra perda como a da vivencia da natureza teña maior potencia para expresar a saudade. A literatura serve, simbolicamente, para sandar esa ferida, para recuperarmos, por vía da intelixencia e da emoción artística, a primeira e máis esencial das perdas. E isto, que constitúe unha experiencia universal, é unha ferida recente cando falamos de Galicia. A nosa incuestionable esencia rural comezou aínda hai pouco a consumar a escisión, a facernos perder a irmandade do zume vexetal”, analiza. 

 

“Só perduraremos como pobo se somos quen de salvagardar o noso territorio e a lingua que o nomea”, advirte María López Sández, que chama a asumir a grande empresa colectiva de atopar, en palabras de Rof Carballo, “un modo de profundar no íntimo, de atopar a vía de retorno á raíz do que somos”. “Aínda hoxe, para min, a contorna desta cidade e as terras lucenses do interior son as que máis evocan a Galicia-bosque, a Grande Fraga ferriniá. Esa Galicia que amplifica a aldea á que o meu avó retornaba nos soños dos seus últimos días, nese camiño de volta que todas e todos emprendemos. Para min, sentino sempre, os meus traballos sobre a paisaxe foron a recuperación, por vía intelectual, desa aldea perdida dúas xeracións atrás e, con ela, da lingua”, confesa.

“A arte é un instrumento privilexiado para escoitar a natureza, mesmo para fusionarse e integrarse co mundo natural”, reflexiona a académica no discurso, que comeza percorrendo a íntima conexión da literatura galega coa natureza dende o século XIX ata chegar ao florecemento do ensaísmo na década dos 50 do século pasado. E faino dialogando coa pegada na natureza en múltiples autores e autoras de distintas literaturas e momentos, dende Herman Hesse e Antonio Gamoneda a Gioconda Belli, Sylvia Plath, Alfonsina Storni ou os galegos Uxío Novoneyra, Xosé Luís Méndez Ferrín, María do Cebreiro e o propio Darío Xohán Cabana. 

Rosalía e Otero Pedrayo, os precursores
Pero se hai un “precursor da irmandade do zume vexetal”, ese é, ao seu xuízo, Otero Pedrayo: “Toda a súa vida está ligada á dunha árbore que o seu pai plantou con motivo do seu nacemento”. Chamábao “irmanciño” e, fendido por un raio pouco antes da súa morte, deu a madeira para o cadaleito que o acompañou no retorno á terra, lembra.

Otero Pedrayo, xunto con Rosalía de Castro, foi o principal esteo que a xeración dos 50 tomaría como punto de partida para facer da paisaxe galega “un dos grandes temas do seu alento esencialmente filosófico”, nun período marcado pola emigración do campo á cidade e ao centro de Europa. A súa aposta polo ensaio en galego supuxo un xesto fundamental para a dignificación da lingua. “Puña en evidencia a súa validez para expresar calquera matiz do pensamento, por lene que fose, algo que, unha vez máis, a historia e a represión franquista semellaba cuestionar”. 

Canto ao asunto elixido, coa súa aparencia de tema estético de pouca relevancia política, a paisaxe podía, mellor que calquera outra temática, esquivar a persecución da censura. Pero a natureza como forma de autorrepresentación, analiza  a autora, constitúe a conquista dun camiño contra as limitacións das visións hexemónicas. “Cómpre unha toma de conciencia ideolóxica e unha lúcida resistencia ao autoodio para optar por unha autorrepresentación radical como a que levou a cabo Rosalía contravindo os xuízos de valor que marcaban a lingua, a propia terra e as súas xentes como subalternas. Describir Galicia en galego, desde o orgullo da lingua, o territorio e o pobo, constituíu o acto político máis poderoso da Galicia do século XIX”, valora.

A relevancia da descrición para reivindicar as subalternidades
O exemplo rosaliano amosa “a fonda relevancia ideolóxica” da descrición que se confirmaría no ensaísmo da segunda metade do século XX. Durante moito tempo foi desprezada fronte a outras modalidades textuais como a narración, relegada a unha forma subalterna, pero nas últimas décadas converteuse nunha ferramenta esencial para reivindicar outras subalternidades (xénero, raza ou orientación sexual) a través da autorrepresentación e recoñeceuse a capacidade da descrición para conmover. Porque, como sostiña Ramón Piñeiro, o ser humano, “na plenitude do seu ser, é moito máis que pensamento racional”, recorda a académica. “Estes textos, secularmente supeditados, empurrados ás marxes ou condenados pola crítica, acabaron acadando unha enorme relevancia e, desde unha perspectiva ideolóxica, reveláronse como particularmente decisivos na construción dos valores culturais do seu pobo, porque, ao nomearmos, a mera nominalización activa un preconstruto; mais, ao describirmos, abrimos a posibilidade de dous réximes descritivos opostos: o que ratifica o construto, que reitera e, por tanto, fortalece unha rede textual previa e un modo de consideración tendente ao estereotipo; e o que o subverte, o que o remodela, o que contradí a visión construída anteriormente e a reorienta nunha nova dirección”, debulla.