O volume, co que será agasallado o público que asista ao pleno extraordinario deste 17 de maio en Malpica de Bergantiños, é un traballo sintético e de carácter divulgativo que sae do prelo coa colaboración económica da Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Arrinca presentando as cantareiras de Cerceda, Malpica e Muxía nas que se personifica a gran festa da cultura galega, percorre as principais recolleitas históricas da poesía tradicional creada polo pobo e mais as publicacións literarias e musicais, e conclúe cunha lembranza de Dorothé Schubarth (1944-2023), que viaxou por toda Galicia entre finais dos anos 70 e primeiros 80 do século pasado á procura de melodías arcaicas. Froito do inxente traballo da etnomusicóloga suíza é o Cancioneiro Popular Galego, que acometeu coa colaboración de preto de 600 informantes e do académico Antón Santamarina, quen pronunciará este sábado unha das tres alocucións académicas da sesión da RAG.
Manuel Rico define e cancioneiro de Schubarth e Santamarina como “a obra definitiva”, a que modificou a metodoloxía dos novos investigadores aplicando os coñecemento que a especialista trouxera de Europa. “Eles dous fixeron agromar tempos novos para a lírica e a música tradicional oral que transmitiron os últimos informantes dunha sociedade galega con cambios abruptos vividos durante o século XX”, valora.
O estudoso confía en que a celebración das Letras Galegas 2025 facilite que se dea un paso máis e que se produza un cambio na valoración do corpus literario e musical do cancioneiro galego. “Se así é, seguro que viviremos unha nova primavera musical”, agoira. A primeira comezou no momento da propia recolla de Schubarth, que lles fixo ver ás persoas que lle abrían as portas das súas casas e cantaban para ela a importancia do legado cultural que atesouraban. “Dorothé é quen apodera todas as súas informantes, e estas informantes saen do seu silencio e comezan outra ver a transferir eses coñecementos ás novas xeracións”, analiza Manuel Rico. “E así estamos neste momento, nunha explosión que seguramente se debe a ela, unha explosión que potencia a existencia do rol das cantareiras, das pandeireteiras, dos bailadores e das bailadoras, de todo o que conforma o ciclo do cancioneiro tradicional”, engade.
Rico destaca tamén o papel fundamental de Antón Santamarina nun proxecto que marcou un antes e un despois para cultura galega. “Nunca deixarei de reiterar o mérito especial que tivo. Cando Dorothé chega a Galicia en 1978, el foi quen se decatou de que tiñamos diante unha musicóloga que podía facer realidade ese cancioneiro arelado, recolleito con gravación de voz e cun método rigoroso”, afirma.
Das recollas pedagóxicas á edición de Martínez Espinosa
Manuel Rico coñeceu a Schubarth neses finais dos anos 70, e contou co seu asesoramento para a edición do Cancioneiro popular das Terras do Tamarela (1989). “Ela abriume os ollos sobre moitas cuestións que debe saber un colector de música tradicional”, agradece. O volume coas coplas recolleitas en Boimorto é froito da experiencia pedagóxica que o mestre levou a cabo, no curso 1978-1979, co seu alumnado do colexio Armando Cotarelo, que se converteu en recompilador das coplas que aínda cantaban, ou conservaban na súa memoria, as avoas e os avós da rapazada.
O obxectivo daquel proxecto educativo era prestixiar a lingua e a creación poética oral, facendo conscientes aos nenos e nenas que eses recursos estilísticos literarios que adoitaban estudar eran dominados polos cantores populares, malia non saberen da súa existencia teórica. Foi así como Rico empezou a recoller cantigas e melodías, cando acababa de chegar de volta a Galicia. O seu destino anterior fora a localidade vasca de Ondarroa, onde se contaxiara do interese local polas tradicións e historia cultural propias, que o levou a promover e participar en múltiples iniciativas. Foi membro do grupo musical A Quenlla e, entre outras obras que viron a luz despois deste primeiro cancioneiro, levou ao prelo títulos que inciden na aplicación pedagóxica do poesía popular oral como Imos canta-los nadais, Tantarantán tantarantán, tantarantiña, Heiche cantar un conto, Vente vindo, ven cantando, Cantos de berce e, máis recentemente, Eu ben vin, virivín. Cancioneiro infantil para dicir, contar e cantar.
Actualmente dirixe un taller experimental de música tradicional que publica varios documentos sonoros, entre eles A pulguiña e o pulgón ou Arrolín, arrolán. A súa última achega é a edición crítica de Canto popular gallego (1940) de Luis María Fernández Espinosa (1876-1860), cadrando coas Letras Galegas das cantareiras. Pecha así certa débeda simbólica, contraída dende os tempos en que estudaba o bacharelato no seminario de Herbón, onde bateu con esta obra do frade franciscano, man dereita de Casto Sampedro (1848-1937), o autor do primeiro cancioneiro galego que se confeccionou incorporando as melodías, publicado postumamente en 1942. O de Fernández Espinosa, lembra, foi o primeiro volume que tivo nas mans no que veu plasmados versos que falaban da súa vida na aldea. Versos creados polo pobo e na lingua do pobo que, como o alalá que cantaba o avó mentres araba, constitúen a cerna da gran festa deste 17 de maio.