Fundado en Nova York no mes de novembro de 1848, o xornal La Crónica estivo dirixido polo ferrolán Manuel Peña e tiña como principal obxectivo a defensa da posesión de Cuba pola monarquía española contra o crecente movemento independentista que estaba a agromar na illa. Aínda que o seu director faleceu en 1865, o xornal continuou publicándose ata o mes de maio de 1867, sendo dirixido por outro ferrolán, o escritor e militar José Ferrer de Couto, quen seguiu reivindicando os intereses españois sobre Cuba. Despois da desaparición de La Crónica en 1867, o xornal tivo a súa continuación en El Cronista, que fundou e dirixiu Ferrer de Couto, ata que deixou de existir definitivamente no ano 1877 debido á morte do seu fundador.
A colaboración de Manuel Murguía co xornal de Nova York debeu comezar a partir da segunda metade do ano 1860. Nunha carta datada o 10 de agosto dese ano que lle enviou a Murguía o director do xornal, Manuel Peña, este comunícalle que recibira os seus artigos e dille que xa se publicaran no periódico (a carta consérvase no arquivo da Real Academia Galega e foi publicada por Xosé Ramón Barreiro e Xosé Luís Axeitos no volume I das Cartas a Murguía, p. 155-156). Por tanto, tendo en conta a información fornecida nesa carta, podemos deducir que os escritos de Murguía empezaron a aparecer nas páxinas de La Crónica a finais de xullo ou a principios de agosto de 1860. Como apunta Xosé Ramón Barreiro Fernández na súa biografía do primeiro presidente da Real Academia Galega (Murguía, p. 230), foi Eduardo Chao quen lle suxeriu a Peña o nome de Murguía para o traballo de correspondente do xornal. Conta tamén Barreiro Fernández que Murguía acordara co director do xornal escribir un artigo cada quince días e que por ese traballo debía cobrar 500 reais ao mes (Murguía, p. 230).
Durante o tempo que actuou como correspondente para La Crónica, entre xullo ou agosto de 1860 e febreiro de 1862, Murguía escribiu máis de 30 artigos para o periódico, aínda que ningún destes traballos apareceu asinado co seu nome e todos eles foron publicados co mesmo título: "Correspondencia de La Crónica". Os contidos dos artigos xiraban ao redor de tres temas: política internacional, política española e novidades literarias. Desta maneira, grazas á lectura das súas crónicas podemos facernos unha idea do que sabía e opinaba Murguía acerca dos eventos políticos máis salientables do momento: o goberno de Napoleón III, o proceso de unificación de Italia, os movementos nacionalistas en Europa, ou ben os conflitos entre liberais e conservadores no contexto político español.
Ademais, acompañando esas crónicas, Murguía adoitaba engadir comentarios sobre as novidades literarias que acababan de saír do prelo ou sobre aquelas das que se anunciaba a súa publicación. Por exemplo, foi nun deses comentarios (incluído no número 30, do 11 de maio de 1861) onde informou en termos poucos favorables da próxima aparición da Historia de Galicia do seu antigo amigo Benito Vicetto: "En Galicia se anuncia la publicacion de una Historia de aquel reino, que se propone escribir el señor Vicetto, ventajosamente conocido allí por sus novelas, pero en esto de historia no se espera gran cosa de él".
Os serios problemas económicos polos que atravesaba o periódico a causa da guerra civil nos Estados Unidos obrigaron a poñer fin á colaboración de Murguía nas súas páxinas. Noutra carta que lle enviou Manuel Peña o 27 de xaneiro de 1862, Murguía recibiu a notificación de que debía cesar de mandar as súas crónicas unha vez rematado o mes de febreiro, xa que non era posible seguir pagándollas (Cartas a Murguía I, p. 171-172). Deste xeito, a súa derradeira "Correspondencia de La Crónica" saíu publicada no número 13 do día 20 de febreiro de 1862. Mais, a pesar das dificultades económicas, Peña ofreceuse a pagarlle tamén a mensualidade de marzo, como proba da estima que sentía polo seu colaborador. Con iso remataba a presenza de Murguía en La Crónica, aínda que a cabeceira lograría manterse ata o ano 1867.
Os artigos de Murguía que viron a luz nas páxinas de La Crónica foron descoñecidos durante moito tempo, pois os exemplares do xornal só se conservan nos Estados Unidos. Non obstante, grazas ás xestións realizadas polo persoal do arquivo da Real Academia Galega, foi posible obter da Biblioteca do Congreso de Washington unha copia microfilmada dos números publicados polo xornal entre decembro de 1860 e decembro de 1863, copia que inclúe aqueles exemplares coas colaboracións escritas por Murguía. O número de artigos da súa autoría recuperados desta maneira ascende a 34, a pesar de que faltan os que escribiu con anterioridade a decembro de 1860, pois os exemplares onde apareceron non se conservan entre os fondos do periódico custodiados na Biblioteca do Congreso. Precisamente a consulta do microfilme permitiu ao historiador e outrora presidente da Real Academia Galega, Xosé Ramón Barreiro Fernández, levar a cabo o primeiro estudo dos contidos deses artigos que forma parte da súa biografía de Manuel Murguía (Murguía, p. 230-242). E nese estudo pioneiro están baseadas as informacións que se ofrecen aquí.
Neste ano 2023 no que se cumpre o centenario do pasamento de Murguía, consideramos que é un bo momento para ofrecer a posibilidade de consultar esta colección inédita de artigos mediante unha reprodución dixital feita a partir do microfilme que posúe a Real Academia Galega. Isto permitirá que nos familiaricemos cun aspecto de Murguía pouco coñecido ata agora: un Murguía que se nos presenta como un "extraordinario analista da situación política europea, crítico ponderado da situación interna de España e bo coñecedor de todo o que se publicou nestes anos", consonte a autorizada descrición de Xosé Ramón Barreiro Fernández (Murguía, p. 233).