Manuel María e Darío Xohán Cabana recitan xuntos

Manuel María dándolles voz a versos da súa autoría e tamén do Romanceiro da Terra Chá dun novísimo Darío Xohán Cabana. Este é o agasallo que o Portal das Palabras lles fai aos seus seguidores e seguidoras para pechar o ano dedicado ao poeta a través da publicación dunha gravación, ata o momento inédita, realizada a comezos dos anos setenta e dixitalizada pola Fundación Barrié. O documento sonoro, rexistrado polo seu amigo Alfonso Rodríguez López, Alfonso Cumbraos, e realizado en Monforte de Lemos seguramente na primavera de 1970, acompáñase dun emotivo texto no que o académico Darío Xohán Cabana recorda catro décadas despois o día da gravación, dispoñible nesta ligazón.

Pola esquerda, Alfonso Rodríguez, Lutgarda González, Saleta Goy, Manuel María e Darío Xohan Cabana en 1969, nas festas de San Pedro de Monforte. Imaxe xentileza da familia de Alfonso Rodríguez.


Aínda que estudaba en Lugo, Darío Xohán Cabana adoitaba visitar todos os meses a Manuel María e a súa dona, Saleta Goy en Monforte de Lemos. O día en que se produciu a gravación non só estivo presente, tamén participou nela. Na media hora que dura a cinta, escóitase a Manuel María recitando unha "autoescolma" dos seus propios poemas con esa súa voz que hoxe "nos chega dende o fondo da vida corenta e seis anos despois, esa voz que daquela tiña xusto corenta anos". Despois o protagonista do Día das Letras Galegas de 2016 recita dous poemas de Pondal e deseguido anuncia que vai ler tamén poemas do Romanceiro da Terra Chá dun poeta de dezaoito anos. Séguelle o propio Darío Xohán Cabana recitando outras dúas composicións do seu Home e terra, que Manuel María decidira publicar na colección Val de Lemos das Edicións Xistral. No documento tamén se escoita a Manuel Emilio Blanco, amigo e compañeiro de Darío Xohán Cabana, e a Alfonso Rodríguez.

Durante 2016 o Portal das Palabras publicou distintos contidos arredor de Manuel María, algúns deles tamén inéditos e dixitalizados pola Fundación Barrié. O pasado mes de maio difundiu a gravación inédita da estrea d'As aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, obra de teatro que o escritor creou como agasallo aos fillos de Alfonso Rodríguez e a súa dona Lutgarda González. A obra teatral naceu así sobre o papel en 1975. Meses despois, a piques de comezar o verán de 1976, estrearíaa no teatro de monicreques que o pai dos cativos construíra para eles.