Manuel González aborda o papel das TIC no Dicionario da RAG

O director do Dicionario da Real Academia Galega, Manuel González, abordou as oportunidades das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) para este recurso fundamental da lingua galega no congreso internacional sobre o contorno dixital, a estandarización das linguas e o éuscaro que Euskaltzaindia celebrou este mes en Donostia. O encontro forma parte da programación que a Real Academia da Lingua Vasca está a desenvolver co gallo do seu centenario.

A académica de Euskaltzaindia Miren Azkarate presentando a Manuel González. Fonte: Euskaltzaindia


Manuel González referiuse na súa intervención aos recursos dixitais na utilización das fontes e ás ferramentas informáticas auxiliares para a redacción e a revisión do Dicionario. O académico repasou traballos lexicográficos dispoñibles en liña como o Diccionario de diccionarios, a base de datos do Atlas lingüístico galego, o Tesouro do léxico patrimonial galego e portugués, o Tesouro informatizado da lingua galega ou o Corpus de referencia do galego actual; e presentou a plataforma dixital que permite revisar e actualizar o Dicionario en liña.

A edición dixital do Dicionario da RAG, salientou, facilita ademais ao usuario o acceso á información que precisa, tanto a través do propia Rede como das aplicacións creadas para dispositivos móbiles. Outra vantaxe do contorno dixital é o contacto permanente que permite entre o Seminario de Lexicografía e as persoas que empregan o Dicionario, que poden facer chegar os seus comentarios e suxestións de maneira rápida e sinxela.