Manuel Curros Enríquez e a Academia

O día 15 de setembro de 1851 nacía en Celanova o poeta e xornalista Manuel Curros Enríquez. Celebramos, neste mes, o aniversario do seu nacemento.
Imaxe do enterro de Curros con Murguía á cabeza
Imaxe do cortexo fúnebre de Curros encabezado por Manuel Murguía e Uxío Carré pasando pola rúa Rego de Auga


Emigrado na Habana desde 1894, Curros non tarda en verse enfrontado con parte da comunidade galega establecida na illa por mor do seu apoio explícito á causa da independencia cubana. Aínda así, e grazas á iniciativa e apoio entusiasta do obreiro ferrolán José Fontenla Leal, Curros é quen de xuntar os apoios para organizar o que será o verdadeiro mecenas da Real Academia Galega: a Asociación Iniciadora y Protectora de la Academia Gallega da Habana.

Nesta misiva enviada a Murguía a mediados de xuño de 1905, Curros expón os puntos de vista e obxectivos que a Asociación Iniciadora cubana lle marca á futura Real Academia Galega. Así, ademais de establecer como fin principal da Academia a elaboración dun dicionario e dunha gramática do galego, aconséllase que cada unha das catro provincias teña un número idéntico de académicos e noméase unha lista de ilustres que deberían colaborar con Murguía no proceso encamiñado á fundación da Real Academia Galega.

O 7 de marzo de 1908 falecía na Habana Manuel Curros Enríquez. Os seus restos mortais, transportados á Coruña o 31 do mesmo mes para o seu enterro, foron acompañados ata o cemiterio de San Amaro por unha multitude de máis de corenta mil persoas no que foi, probablemente, o maior cortexo fúnebre na historia de Galicia.