Man en xeso de Marcial del Adalid

Imaxe da réplica da man baleirada en xeso de Marcial del Adalid
Imaxe do baleirado en xeso da man de Marcial del Adalid nun fanal de cristal


O compositor Marcial del Adalid y Gurrea naceu na Coruña, en 1826, no seo dunha familia acomodada que lle permitiu comezar de neno os estudos musicais, informarse das últimas tendencias existentes no vello continente e viaxar con regularidade ás grandes capitais europeas, París e Londres fundamentalmente, para experimentar en vivo a explosión do romanticismo musical da man de autores como Frédéric Chopin ou Franz Liszt, auténticos virtuosos e grandes compositores que deixaron unha fonda pegada nel, sobre todo o primeiro, e que influíron nas súas futuras composicións. Tras vagar por París coa intención de converterse en alumno de Chopin, sen éxito, instalouse en Londres onde tivo como mestre a I. Moscheles, con quen permanecería ata 1849. Finalizados os seus estudos e viaxes por Europa, múdase a Madrid. Máis tarde trasládase ao pazo de Lóngora, en Oleiros, onde pasa a última etapa da súa vida e onde morre o 16 de outubro de 1881.

Imaxe de Marcial del Adalid
Carte de visite de Marcial del Adalid

Na súa música, pensada fundamentalmente para piano e voz, distínguense tres etapas creativas. Unha primeira en que está claramente influído por F. Chopin e C. Gounod, á cal pertencen obras que o converteron no primeiro e principal introdutor do romanticismo musical ao sur dos Pirineos. Na segunda etapa inclínase polas sonatas para piano, aínda que tamén para violín e incluso compón para cuartetos de corda. Na terceira achégase á ópera, con pouco éxito, optando finalmente polos cantares para voz e piano. Precisamente foi nesta última etapa cando musicou a obra lírica da súa dona, a escritora Fanny Garrido, e mesmo a de Rosalía de Castro. Tamén nesta fase creativa se interesou por recuperar e poñer en valor o cancioneiro popular galego. Por todo isto é considerado o iniciador do xénero da melodía ou canción clásica galega.

Xunto con Andrés Gaos e Juan Montes, Adalid é o principal representante dun auténtico Rexurdimento musical galego, que se caracteriza pola incorporación de elementos da música popular tradicional á música culta e polo emprego de textos en galego de temática diversa, como a histórica, a social ou mesmo a mitolóxica con alusións ao celtismo.

A obra de Adalid foi esquecida durante moito tempo, as súas composicións foron pouco ou nada interpretadas, aínda que isto está mudando nos últimos anos. Con todo, pese ao descoñecemento do gran público, a súa pegada transcendeu máis aló das nosas fronteiras; mostra diso é o feito de que un compositor de fama mundial como Maurice Ravel empregase a peza en galego chamada "Adios meu meniño, adios" na súa Chanson espagnole, case trinta anos despois da morte de Adalid.

A filla do músico, dona María del Adalid, fixo unha xenerosa doazón á Real Academia Galega, no ano 1929, consistente nun grande e traballado armario do século XIX cun auténtico tesouro no seu interior, a biblioteca musical de seu pai, que inclúe centos de obras do propio Adalid -algunhas delas manuscritas e inéditas- e tamén un gran número de pezas doutros autores, verdadeiras xoias pola súa antigüidade, posto que en moitos casos o compositor xa as herdara do seu avó. Posiblemente esta biblioteca conteña as primeiras partituras de Beethoven que chegaron á Península Ibérica. Este e outros misterios serán desvelados nun futuro próximo, pois este tesouro documental está sendo obxecto de estudo de varios investigadores.

A doazón inclúe tamén unha curiosidade: un baleirado en xeso dunha man de Marcial del Adalid dentro dun fanal de cristal. Este baleirado debemos relacionalo coa tradición ancestral e de carácter universal da máscara funeraria, costume que existiu en Occidente desde tempos remotos ata o comezo do século XX, coincidindo coa popularización da fotografía, e que aínda hoxe se practica nalgunhas culturas. A reprodución da cara do defunto, da man neste caso, ten como función conectar co espírito do finado e mantelo vivo no recordo dos vivos.

Imaxe do armario onde se conserva o fondo Marcial del Adalid na RAG
Imaxe do armario libreiro onde se conserva o Fondo Marcial del Adalid, na Real Academia Galega