Malores Villanueva: “Francisco Fernández del Riego tiña unha gran pluma memorialística”

Malores Villanueva conversou por primeira vez na Fundación Penzol con Francisco Fernández del Riego (1913-2010) unha tarde de venres de 2007. Aquel encontro á procura de fontes para a súa tese de doutoramento sobre os primeiros anos da editorial Galaxia, da que don Paco fora un dos fundadores na década dos 50, durou uns sesenta minutos. Nos tres anos vindeiros, seguiríanlle centos de horas compartidas nunha fermosa amizade entre a filóloga e o vello galeguista, que chegou a considerala a neta que non tivo. Villanueva gravou parte das conversas que manterían cada venres ata o pasamento de Del Riego, máis de 50 horas de audio que serviron de esteos de Francisco Fernández del Riego, un loitador pola idea de Galicia (Galaxia, 2023). Esta completa biografía non é a única achega da crítica literaria e profesora no marco da celebración do Día das Letras Galegas de don Paco. Por expreso desexo del, encargouse tamén da edición de Memorias do París literario, unha deliciosa obra que permanecera inédita que confirma o gran dominio da prosa memorialística do homenaxeado.

Malores Villanueva. Autora: Ana Casal

Ata este ano, quizais a imaxe máis coñecida de Fernández del Riego cinguíase ao labor que desenvolveu como editor e activista cultural a partir dos anos 50. Están a axudar as Letras Galegas 2023 a descubrir para o gran público esoutras facianas do autor, empezando polos anos previos á guerra civil? Como era o don Paco entón? A biografía que presenta debuxa un forte activismo universitario e político naqueles tempos.
Si que se está poñendo de relevo esa parte porque é moi importante. É certo que temos a memoria de don Paco dos últimos tempos, nos que se desligou da política, pero antes do 36 foi un líder estudantil moi destacado e unha figura clave no Partido Galeguista. Antes da súa creación el xa militaba no grupo de Ánxel Casal, que se integraría no PG. E a súa participación foi sempre con cargos de responsabilidade, era a voz dos máis novos, pero era unha voz que se respectaba, que tiña peso. Alexandre Bóveda confiaba nel para acompañar nos mitins máis importantes a Castelao, a Otero Pedrayo ou a el mesmo, foi secretario xeral das Mocedades Galeguistas e participou na redacción do Estatuto de Autonomía. Nunha entrevista que lle fixeron dicía no titular que, de non producirse a guerra civil, Castelao sería o presidente de Galicia. Cando a leo, eu sempre penso que el sería un dos seus conselleiros.

Tras a guerra tocou optar pola resistencia cultural, artellada arredor da editorial Galaxia.
El era un político, o que pasa é que se fixo da necesidade virtude e a loita política reconduciuse ao que se podía facer. Pero sempre dicía que a cultura era outra maneira de facer política e que, nese sentido, nunca a abandonara. Facer cultura como fixo a xeración Galaxia, cun proxecto en galego nuns tempos en que iso non estaba exento de riscos, era tamén unha forma de facer política.

Nesa liña, hai tamén diferenzas obrigadas no articulismo que produciu antes e despois da guerra, pero chama a atención que fose sempre un autor prolífico neste xénero e que tratase unha gran variedade de temas.
Como articulista político era belixerante, coas ideas moi claras e un nacionalismo sen fisuras. Tras a guerra tivo que reconverter a pluma política a unha máis cultural, pero seguiu a cultivar moito a presenza na prensa. Entendeu a importancia da prensa e da radio, que tamén fixo, para chegar á xente, e quixo centrarse así moito na divulgación. El argumentaba que moita xente non mercaba libros, pero que si tiña acceso aos xornais. Neles puxo a súa pluma ao servizo de Galicia, nun momento en que consideraba esencial facelo, porque tras a guerra civil as novas xeracións perderan totalmente o coñecemento do que había anteriormente, como lembra na súa propia experiencia Xesús Alonso Montero na serie documental da RAG.

Porén, como creador de literatura de ficción don Paco só deixou un libro, O cego de Pumardedón, publicado serodiamente. Afastárono dunha carreira literaria de seu as múltiples responsabilidades que asumiu, dentro e fóra de Galaxia, como editor e animador de iniciativas culturais?
El contaba que de cativo soñaba con ser escritor pero, efectivamente, as circunstancias levárono a sacrificar a súa creación literaria pola causa. Pero aínda que O cego de Pumardedón se publicou en 1992, escribiu boa parte desta novela moito antes. A finais dos anos 40 presenta unha versión desta a un dos premios do Centro Gallego de Buenos Aires con outro título. Cos anos remodelouna, ampliouna, pero hai partes exactamente iguais.

En calquera caso, alén da ficción, a súa pluma literaria está presente en moitas obras que escribiu, por exemplo, sobre persoeiros das nosas letras, libros de viaxes ou a ata hai unhas semanas inédita Memorias dun París literario, unha descuberta ben interesante de cuxa edición se encargou vostede mesma.
Del Riego tiña unha gran pluma memorialística. Está tanto nos seus dous libros autobiográficos, O río do tempo e Camiño andado, coma noutros títulos como A xeración Galaxia. E tamén nesta obra que ve a luz este ano. Nela lembra a súa estadía en París no 1953 e vai ganduxando os distintos episodios da viaxe coas lecturas e os perfís de escritores franceses. Coñecemos un viaxeiro apaixonado pola arte, por conversar coas persoas relevantes da cultura francesa, por descubrir os museos...

E tamén coñecemos un apaixonado da cultura galega aberta pero en relación constante coa universal.
A súa é unha xeración herdeira da Nós. Cando no ano 1963 Galaxia pode retomar a publicación da revista Grial, engádenlle o subtítulo Revista galega da cultura, non “da cultura galega”. É un matiz importante, porque é unha publicación aberta á cultura desde Galicia. Para eles era fundamental facela chegar a todas aquelas universidades onde había un profesor de románicas, situala nos espazos de diálogo, en Europa e tamén en América.

Cal foi a súa grande achega á xeración que puxo en marcha a editorial Galaxia como espazo de resistencia cultural?
El sempre dicía que Xaime Isla Couto era o proxectista, o que tiña as ideas, Ramón Piñeiro o reflexivo, o que analizaba os pros e os contras, e el o executivo. Coido que a el se lle debe a acción, botar as cousas a andar con ese optimismo radical que tiña, sen medo a teimar. Foi unha persoa tremendamente traballadora e executiva, facía de todo: buscaba orixinais, fixo unhas normas tácitas para que houbese menos anarquía ortográfica nas publicacións, levou os primeiros libros de Galaxia ás librarías de Vigo, unha e outra vez, nun atadiño, ata que foron aceptándoos, está detrás de que Cunqueiro volvese escribir en galego...

Don Paco e Malores Villanueva. Fonte: Arquivo persoal de M. Villanueva

Á recuperación de Cunqueiro para as letras galegas dedícalle un capítulo concreto na biografía que vostede asina. Hai máis casos similares?
Antes de marchar a Madrid, Xosé Luís Méndez Ferrín deixoulle a el os contos de Percival e outras historias, que sairía do prelo en 1958 na colección Illa Nova. Don Paco tamén tivo moito que ver na publicación de Longa noite de pedra (1962). Celso Emilio Ferreiro estaba un pouco contrariado porque o seu primeiro libro non tivera a acollida agardada e Del Riego díxolle: “Ti tráeme os poemas que teñas”. Foillos levando e don Paco foi montando este libro fundamental da nosa literatura. Seguramente Celso Emilio publicaríao despois, pero nese momento fíxoo porque houbo un don Paco que teimou en que fose así. Tamén foi quen recuperou a Risco coa recompilación de ensaios e artigos en Leria (1961). El está detrás de moitísimos libros e autores, era un grande impulsor e un grande executivo.

Nestes exemplos reflíctese dalgún xeito outra calidade que se ten destacado moito de don Paco: a de ponte entre as vellas e as novas xeracións. Outra foi a de ponte entre a Galicia interior e a da diáspora. Ata que punto desempeñou ese dobre papel?
Os propios protagonistas, como Xosé Luís Méndez Ferrín, María Xosé Queizán ou Xosé Manuel Beiras, din que tivo moita conexión cos novos. Beiras insiste na gran relación que tiveron mentres el asumiu, entre 1963 e 1968, a dirección da Revista Galega de Economía, traballando man a man na Fundación Penzol. Entre as cartas que se conservan hai unha na que di que Ferrín está chamado a ser o grande escritor das nosas letras. Moitos dos novos escritores gañaron os premios do Centro Gallego de Buenos Aires porque el os animou a se presentar. Recoñecía nos máis novos as calidades e animábaos. 

Canto á ponte con América, el era consciente de que non se podía construír unha Galicia sen ter en conta todos os galegos e galegas que estaban alén mar. Era unha ponte necesaria. En Buenos Aires vivían 3000 000 galegos, a poboación que ten hoxe Vigo, e a emigración foi fundamental para soster moitos dos proxectos, entre eles o de Galaxia. Don Paco, á súa vez, escribía nas revistas de América contando todo o que acontecía en Galicia, encargouse de apañar parte da terra que se enviou desde aquí para enterrar a Castelao e de pedirlle a Cabanillas o famoso poema “Irmán Daniel”... Era unha ponte constante entre Galicia e América e, cando en 1954 viaxou alí por primeira vez, foi recibido con honores na Arxentina e en Montevideo.