Foto de familia dos participantes na entrega dos premios Contádenos o voso Día das Letras. Fonte: RAG
A Real Academia Galega puxo en marcha o concurso Contádenos o voso Día das Letras dentro do proxecto web Primavera das Letras, que ofrece desde 2016, co apoio da Deputación da Coruña, materiais lúdicos e didácticos arredor da figura homenaxeada co gallo do Día das Letras Galegas pensados para as etapas de infantil e primaria. Ao certame, concibido para coñecer e divulgar como celebran os centros educativos esta festa da lingua e da cultura galegas, concorreron este ano un total de 82 centros educativos de toda Galicia, con propostas que abranguen desde as artes escénicas á música para recrear o universo vital e literario de María Victoria Moreno.
Todos estes ingredientes estiveron presentes no acto de entrega dos premios, presentado polo presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e conducido por Fina Casalderrey. Tamén interviñeron Pedro Ferriol, o viúvo de María Victoria Moreno; Francisco Castro, director xeral de Galaxia; Andrea Jamardo, de Urco Editora; e Teresa Rocamonde, responsable de comunicación de Bolanda. Estas tres editoriais e mais Xerais colaboraron no concurso achegando os lotes de libros que recibiron os tres centros gañadores.
"A primavera das letras sodes vós", díxolles aos alumnos e alumnas Fina Casalderrey, quen lles deu a benvida á "casa das letras, a casa das palabras". "Aquí estúdanse as palabras, e tamén se curan aquelas que o precisan para despois deixalas voar libres, e para dalas a coñecer", explicoulles. A celebración foi, ademais dunha homenaxe a María Victoria Moreno, un recoñecemento público da profesión docente, que exerceu a escritora. "Moitas grazas a todo o profesorado, porque vós sodes o corazón da causa da lingua e desta Primavera das Letras que celebramos", expresou Víctor F. Freixanes. En nome da familia da autora, Pedro Ferriol tamén se referiu ao labor docente. "Os actos institucionais dedicados a María Victoria Moreno enchéronnos de emoción, pero moito máis aínda o fixeron os centos de colexios que estiveron recordando a María Victoria Moreno ao longo deste ano con distintas mostras de cariño e amor cara a ela", agradeceu.
Os primeiros en subir ao escenario en que se converteu o estrado do salón de actos da Real Academia Galega foron os máis pequenos, os 44 alumnos e alumnas de 4 e 5 anos da Escola de Educación Infantil do Milladoiro, que recitaron en grupo un fragmento do conto en verso "Can branco, can negro". O relato está incluído no libro Eu conto, ti cantas… de María Victoria Moreno, onde os protagonistas son sempre os animais. Os favoritos da autora, os cans, centraron o proxecto que esta escola desenvolveu co gallo do Día das Letras Galegas, plasmado nunha exposición dedicada a ela chea de canciños de peluche. A directora, Ángeles Ferrón Novais, agradeceu a colaboración das familias e insistiu na importancia dos mestres e mestras na transmisión da lingua e a cultura. "María Victoria Moreno era unha mestra que dicía que florecía nas aulas, e non hai mellor agasallo para nós que nacer todos os días un pouco nelas", expresou a docente, quen quixo salientar o que significou para ela ter como profesora a escritora Helena Villar Janeiro, membro correspondente da RAG. "Non foi só a miña profesora de lingua e literatura galegas, ensinoume tamén a amar a literatura e as nosas letras e a ser quen de transmitir a nosa cultura", asegurou.
O alumnado da EEI do Milladoiro recita un poema de María Victoria Moreno. No centro, canciños de peluche que se empregaron na exposición dedicada á autora e o seu amor polos animais nesta escola de Ames. Fonte: RAG
O CPI Virxe da Cela achegou o alumnado á autora a través da radio. O de primeiro e segundo gravou un conto inspirado en personaxes das obras de María Victoria Moreno e o de cuarto, un programa dedicado á autora con entrevistas a Eli Ríos, Monste Pena, Francisco Castro, Fran Alonso e Andrea Jamardo. A radio tamén estivo presente na súa intervención na Academia, onde Elías Espiñeira e Iria Lence, de 3º e 5º de primaria, tomaron a palabra e déronllela tamén a outros compañeiros e compañeiras a través de varios cortes de audio. Laboratorio de Radio.
Elías Espiñeira e Iria Lence interveñen en representación do CPI Virxe da Cela de Monfero. Fonte: RAG
En representación do CEIP Anxo da Garda, tras un resumo do traballo desenvolvido polo equipo de dinamización lingüística do centro ofrecido polo mestre Fernando Pazos, a alumna de 6º de primaria Sabela Pérez Regueira, caracterizada como María Victoria Moreno, foi a encargada de agradecer o galardón en nome de toda a comunidade educativa e presentar a adaptación musical do poema "Cantiga" (incluído en Elexías de luz) que deseguido interpretaron nove alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º. O colexio coruñés participou no concurso cun conxunto de actividades variadas entre as que tamén figuran a dramatización dunha entrevista á autora, o concurso "Quen sabe máis de Mª Victoria Moreno?", lecturas de fragmentos de obras da escritora no centro de día de Eirís ou un xogo de cuarto de escape.
Alumnado do CEIP Anxo da Garda interpreta "Cantiga". O colexio coruñés púxolle música e coreografía a este poema de María Victoria Moreno, entre outras moitas iniciativas arredor das Letras Galegas 2018. Fonte: RAG
Pola súa banda, os representantes das editoriais colaboradoras nos premios salientaron a conexión de María Victoria Moreno co público máis novo e a perspectiva feminista de obras como Anagnórise. Bolanda dedicoulle este ano á escritora un dos números da colección dos Bolechas centrada nos persoeiros homenaxeados co Día das Letras Galegas; Urco Editora puxo o foco sobre ela xa en 2016, cando decidiu incluíla na colección Mulleres Bravas da nosa Historia, e editou relatos e ensaios da súa autoría que permanecían inéditos, ademais de reeditar outros. Parte da súa obra tamén pode lerse nos catálogos de Xerais e Galaxia, editorial esta última na que foi codirectora da colección Árbore.