Ata o momento, no Barco xa foron recuperados máis de 200 microtopónimos a través de Galicia Nomeada grazas ao labor de varios colaboradores, como o profesor Xabier Roo e o técnico municipal de cultura Gustavo Docampo. O coordinador da unidade técnica de toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, Vicente Feijoo, procurou na charla, entre a rapazada e as persoas adultas, novas e novos gardiáns que sigan a incrementar os nomes de leiras, fontes, devesas ou veigas do concello incorporados a este espazo concibido para preservar un patrimonio cultural inmaterial de valor incalculable.
A charla continuou coa parte dedicada á orixe e o significado de distintos topónimos, que conta coa colaboración do académico electo Gonzalo Navaza, profesor da Universidade de Vigo, e que comezará polo propio nome do concello. O primeiro dos elementos que forman parte del, barco, levou ao imaxinario popular a crear diferentes lendas sobre a existencia dalgunha embarcación desde a época romana na beira do río Sil; o lugar do Porto da Barca no punto onde se supón que cruzaba o barco entre a capital e Viloira (que existiu ata 1902) reforza a idea de que o nome O Barco facía referencia a unha embarcación que servise para cruzar o río. Outra tese, en cambio, sostén que a forma barco pode proceder dunha partícula prerromana *barg- ou *barc. co significado de “depresión fluvial ou concavidade”. Canto ao segundo dos elementos, Valdeorras, fai referencia ao Val dos Guigurros, en referencia ao pobo prerromano localizado nesta parte de Ourense.
O 3 de decembro, última charla da campaña Toponimízate do ano
A edición deste ano de Toponimízate concluirá o 3 de decembro no Centro para a atención de persoas maiores de Ortigueira. Será nun encontro especial que consistirá nunha actividade da memoria, relacionando o envellecemento activo e a calidade de vida dos maiores coa recuperación da toponimia tradicional galega, das que as persoas de máis idade son as principais garantes.