Machados de Ambroa

Imaxe dun machado de bronce
Machado de bronce número 1 atopado n´O Abeledo


Estas dúas pezas foron entregadas á Real Academia Galega por Francisco Vales Villamarín, historiador e profesor betanceiro, nado en 1891 e falecido en 1982. Ademais de fundador e presidente da Irmandade da Fala de Betanzos, foi tamén fundador e director do Anuario Brigantino, así como secretario perpetuo da Real Academia Galega. Gran estudoso de todo aquilo relacionado con Betanzos e a súa contorna, publicou innumerables artigos e monografías relacionados coa súa cidade natal, o que lle valeu o nomeamento de cronista oficial de Betanzos.

Segundo a versión do propio Vales Villamarín, recollida na revista Abrente (1971), foi en 1926 na parroquia de San Tirso de Ambroa, concello de Irixoa, cando uns cativos atoparon un depósito de machados de talón ou de tope, de dobre anel, mentres xogaban nun sitio chamado O Abeledo, situado entre o lugar de Cenda -formado por menos de media ducia de casas- e un antigo castro, hoxe convertido nun lugar aproximadamente do mesmo tamaño que o anterior, coñecido co fermoso nome de Casal de Mouros. Este depósito de machados foi descuberto no medio dunha morea de pedras, dato non moi preciso que imposibilita a contextualización arqueolóxica das dezaseis pezas atopadas, consistentes todas elas en machados de bronce.

Logo de pasaren por varias mans, entre elas as dun ferreiro, só sobreviviron dous dos dezaseis machados, os cales foron entregados a Francisco Vales Villamarín, quen á súa vez os doou á Academia.

Descrición dos machados
O machado número 1 consta de talón completo, e parte da folla ten fendido un dos seus aneis. Nunha das caras e a partir do talón pódense observar unhas marcas paralelas que chegan ata a metade da peza, posiblemente de carácter ornamental. Poden verse, así mesmo, pequenas porcións de material sobresaíndo do seu contorno por non estar desbastado, o que indica que o obxecto nunca foi empregado como ferramenta.

Dimensións
Lonxitude da folla: 83 mm
Lonxitude do talón: 67 mm
Lonxitude entre os aneis: 26 mm
Grosor máximo: 23 mm
Peso: 300 g

Análise química
Cobre: 63%
Chumbo: 27%
Estaño: 6%
Cinc: 0,05%
Ferro: 0,05%

O machado número 2 ten o talón e a folla incompletos e unha ornamentación semellante a do machado número 1, pero, a diferenza deste, ten o contorno puído.

Dimensións
Lonxitude da folla: 72 mm
Lonxitude do talón: 51 mm
Lonxitude entre os aneis: 26 mm
Grosor máximo: 22 mm
Peso: 272 g
A análise química é idéntica á da peza anterior.

Polas semellanzas con outros machados con cronoloxías contrastadas podemos afirmar que estas pezas pertencen aos últimos séculos da Idade de Bronce, concretamente do 1200 ao 700 a.C. O noroeste peninsular é o espazo xeográfico onde se atopou un maior número de machados deste tipo, aínda que se encontraron outras pezas máis ou menos similares ao longo de toda a fachada atlántica europea, o que nos fai pensar que a súa expansión se produciu por vía marítima.

A súa función segue sendo controvertida. Uns danlle un papel ritual; outros, pese ao feble que é a aliaxe na maioría das pezas, pensan nelas como ferramentas puramente funcionais para o traballo de talla ou de desbastado da madeira; mais, debido ao frecuente achado de depósitos con gran cantidade de pezas, a interpretación máis estendida é aquela que relaciona os machados cunha fórmula premonetaria, pois é posible que constituísen un medio de pagamento.

Desde un punto de vista tipolóxico, carecemos dos coñecementos necesarios para poder aventurarnos a clasificar as pezas, e desde aquí invitamos os especialistas a que nos asesoren no complexo labor de tipificación dos machados da Idade de Bronce polas súas características formais.

Hai que destacar tamén a presenza relativamente frecuente destes machados de finais da Idade de Bronce en xacementos pertencentes á cultura castrexa, sen que por agora exista unha explicación ao feito de que os castrexos, relativamente afastados no tempo das xentes do Bronce Final, mantivesen inalterados obxectos de bronce que en plena Idade de Ferro semellarían arcaicos.

Imaxe dun machado de bronce
Imaxe do machado de bronce número 2