Luz Pozo Garza visita as raíces da memoria familiar en 'Pazo de Tor'

Había tempo que Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922) sentía a necesidade de escribir este poemario: "Para min o pazo de Tor é a identidade nosa, dos Garza. Neste libro están as miñas raíces". O volume leva o título do pazo de Monforte de Lemos, vinculado desde a súa fundación aos devanceiros da súa nai, a quen homenaxea desde o primeiro verso ata o final. "Quíxena moitísimo, entregouse a min toda a vida. Foi a primeira que me ensinou música e cultivou moito en min o afán de escribir", conta a académica.

Luz Pozo Garza presentou Pazo de Tor en Portas Ártabras. Fonte: RAG


A autora presentou Pazo de Tor (Alvarellos Editora) este xoves en Portas Ártabras (A Coruña) acompañada do presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, autor do limiar, a editora literaria do libro, a profesora Carmen Blanco, e o editor, Henrique Alvarellos.

"Pazo de Tor é un poemario dun vello pazo pero é fresco e rompedor", valora o responsable do selo que publicou as últimas obras de Luz Pozo Garza. Un libro "luminoso e cheo de esperanza" que, engade Víctor F. Freixanes, como toda a poesía da autora é "unha busca esencial cara á transcendencia". "Non é libro de ferida, senón de resurreción interior que, en certa maneira, reactiva todos os libros anteriores", engade no limiar.

Nesa viaxe ás raíces, a poeta abre Pazo de Tor coa dedicatoria á "Nai tan querida" e péchao co poema "evocador do misterio da vida intacta de Luz Garza [a proxenitora da autora], reescrita moi especialmente por e para a descendencia feminina", salienta Carmen Blanco. Este libro culmina así a que a profesora da USC denomina a "poética materna" de Luz Pozo Garza, e responde tamén á poética de "total transparencia azul" da súa última etapa creativa.


Luz Pozo Garza, acompañada na mesa de Henrique Alvarellos, Víctor F. Freixanes e Carmen Blanco. Fonte: RAG