“Luísa Villalta é artífice fundamental do ensaio contemporáneo galego”

“Se a nosa cultura fose unha cultura normal, institucionalmente, O outro lado da música, a poesía obrigaría, de certo, a unha significativa mudanza epistemolóxica e metodolóxica nos nosos estudos literarios”, advirte Pilar García Negro. A profesora honoraria da Universidade da Coruña afondou esta tarde na obra ensaística de Luísa Villalta (1957-2004) –quizais, mesmo despois do pasado 17 de maio, a menos coñecida da protagonista das Letras Galegas 2024–, na derradeira xornada do simposio que a Real Academia Galega lle dedica á escritora. O encontro de tres días, que se celebrou na Fundación Barrié, contou tamén con varias olladas á cidade na obra villaltiana, unha “entidade abstracta e arquetípica” cuxo referente foi A Coruña, lembra Xosé María Álvarez Cáccamo, quen pronunciou o primeiro relatorio do día. 

1/11

“Luísa Villalta acabou convertendo a cidade da Coruña, en toda a súa extensión, real e metafórica, en tema da súa lírica”, conclúe Miguel Anxo Fernán Vello. O poeta e editor de En concreto (2004), volume de Villalta fundamental nesta clave, compartiu mesa redonda arredor da cidade na súa obra canda crítica literaria Teresa Seara e o músico e escritor Xurxo Souto.

Púxolle o ramo ao Simposio Luísa Villalta Indóciles, un proxecto multidisciplinar que achega o público á obra da autora, da que se mostra “o seu legado literario provocador e rebelde”. O elenco está formado pola narradora oral Vero Rilo, a recitadora Nuria Vil e a música Mónica de Nut. “Na obra sobrevoa a pregunta ‘que é ser indócil’ e a pandeireta, voz e a música electrónica fúndense coa poesía escénica e a narración oral, que sitúa á espectadora a través da historia de vida ficcionada da poeta”, salienta a promoción do espectáculo.

Luísa Villalta ensaísta
Ata este ano das Letras Galegas dedicado a ela, Luísa Villalta era recoñecida sobre todo como poeta. A celebración do seu 17 de maio contribuíu a visibilizala tamén como a narradora, dramaturga, articulista e ensaísta que foi, perfil este último no que, considera Pilar García Negro, debe ser destacada como autora esencial. “Luísa Villalta é artífice fundamental do ensaio contemporáneo galego. Tanto é así que, se non fose autora dunha rica e densa obra poética, dramática e narrativa, o seu nome ergueríase en por si pola súa dedicación ao pensamento e análise da práctica artística”, expresa. A investigadora da UDC sitúaa no ronsel da mellor tradición ensaística, que arrinca nos prólogos de Rosalía de Castro para Cantares gallegos e Follas novas. “O seu discurso teórico e reflexivo vai moito máis aló dunha autopoética ao uso, isto é, dunha lexitimación. Penetra en ámbitos estéticos relacionados coa literatura e non elude formar criterio en cuestións conexas como a autoría feminina ou xinocrítica”, analiza a filóloga, que lembra ademais a “coherencia entre discurso e praxe” da escritora, quen sempre manifestou unha actitude cívica comprometida.

García Negro sinala especialmente O outro lado da música, a poesía (1999), “ensaio maiúsculo” no que Villalta se esmera en “redefinir e resituar fitos maiores da nosa literatura á luz da recuperación dunha unidade ou simbiose perdida”, a da música e a lírica. “Tamén lle merece atención especial a análise que dedicou ao binomio escrita-mulleres”, apunta a crítica en referencia ao artigo “Mulleres si, pero” (Festa da palabra silenciada, 1994) e “Por que os homes non nos len?” (Escrita e mulleres: doce ensaios arredor de Virginia Woolf, 2003); así como o volume O Don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral (1992), “composto conforme unha perfecta arquitectura escenográfica”.

A poeta da cidade
Xosé María Álvarez Cáccamo, xa no campo da poesía, sinala outro título de Villalta como “aportación decisiva ao curso da nosa historia literaria de todos os tempos”. “Entre todos os libros dedicados á exploración poética do ser e o sentido da cidade, sobrancea a grande altura En concreto. Léoo como crónica dunha viaxe iniciática, a realizada pola poeta protagonista a través das rúas e prazas da cidade, entidade abstracta e arquetípica cuxo referente é A Coruña, nomeada exclusivamente por medio dun breve conxunto de topónimos”, resume. Alén de producir “un importante efecto de transformación” do suxeito protagonista, estas páxinas tamén transformaron a cidade e os seus habitantes, “malia a frecuente declaración crítica de decepción e desánimo”, como resultado da “vixiante posición interpretativa” que a autora adoptou, detalla o poeta vigués.

“Luísa Villalta, dona dun eu poético e dun eu existencial, acabará —como dicía Walter Benjamin de Baudelaire con respecto a París— por converter a cidade da Coruña, en toda a súa extensión, real e metafórica, en tema da súa lírica, sendo ademais que o alegórico figurativo, e o simbólico, pasarán a formar parte, en progresión ineludíbel, do ser da poeta e do ser da cidade”, engade Miguel Anxo Fernán Vello. “Mais antes de que isto acontecese en Ruído (1995) e sobre todo na explosión significante de En concreto, a autora xa enfía no seu primeiro poemario, Música reservada (1991), un poema de delicada beleza que comeza cos seguintes versos: Andei por Santiago / pisando estrelas / na noite”, advirte o editor de En concreto, título que viu a luz en Espiral Maior tras o pasamento de Luísa Villalta, meses despois de que fose galardoada co premio impulsado por este selo.

Teresa Seara sinala tamén Ruído, o seu segundo poemario, como o momento en que Villalta “comeza a construír o nós, o formar parte, que só ten sentido no contorno urbano”. “Abandonando a estrita pauta que primaba en Música reservada, mergúllase agora no caos disonante propio dos barrios urbanos máis humildes e albisca, entre o simulacro que as oculta, as múltiples resonancias que dota a Cidade Alta dun carácter poliédrico e complexo”, analiza a crítica literaria.

Xurxo Souto pon, pola súa banda, o acento no que significou a cidade da Coruña para Villalta na súa parte máis persoal: “Tras unha longa viaxe, física e interior, tras un proceso de ruptura co aprendido e de reconstrución persoal, Luísa Villalta atopou a súa música, o lugar onde vibraba en plenitude o seu propio ser: esta cidade, A Coruña. Esa parte do mundo onde sempre está a soar a canción do mar do Orzán”.

O Simposio Luísa Villalta é unha iniciativa da Real Academia Galega coordinada polas académicas de número Margarita Ledo e Ana Romaní. As xornadas organizáronse co apoio da Dirección Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Fundación Barrié.