dun exemplar conservado na Biblioteca da RAG.
Con esta obra, dixo o propio Manuel María, pechou a crise da adolescencia. Cando a editorial Celta tirou do prelo no ano 62 Libro de pregos, malia a súa mocidade xa tiña publicados cinco libros de poemas, Contos de cuarto crecente e as obras de teatro Auto do taberneiro e Auto do labrego, ambas as dúas editadas en Portugal.
Nunha nota do editor deste poemario, que saíu á venda cun prezo de 25 pesetas, salientábase que quen era "un dos poetas máis representativos da poesía galega moza, o Poeta da Terra Chá", mantiña a liña de preocupación pola morte e polo destino do home xa manifestada en Advento e engadíase: "Niste libro, traxicamente humán, Manuel María entronca a súa poesía coa torturada de Rosalía. Posibelmente non se atopa na poesía galega un libro tan fondamente humán nin tampouco tan vivamente descarnado".
O poemario foi loado por Ramón Otero Pedrayo nunha carta de novembro dese mesmo ano remitida desde Santander. "Levo máis de duas semans lonxe da terra. Mais faime compaña un miudo libro galego. Unha compaña as veces silenciosa como as que nascen con azas, caladas nas pousas dos coros nos antigos mosteiros. Tamén a alma ten mosteiro. Polas voces concertadas e as roínas. Quezais pra unha definición do home non folgaría ista idea: o ser que decotío se arroína a sí mesmo coa espranza de enxergar a Phenix… Pois debo grandes ventos do alén nas miñas cansas velas, e un voltar as armoñías enneboiradas e non esquecidas, e un decatáreme pequeniño e cheo de espranza, ó seu Libro de Pregos, a mocidade de Vde en glosa entranabel, as verbas devoltas a unha candura e beleza de cando foron criadas", expresaba o intelectual na misiva, recollida xunto a outras en Correspondencia entre Manuel María e Ramón Otero Pedrayo (1951-1974), escolma realizada por Xosé Manuel Sánchez Rei e Estefanía Mosquera e publicada pola Fundación Manuel María.
…. para ollar a ledicia do Señor… Salmo 26, 4
Irmao: ¡deixache o po destes camiños
e o corazón prendido nas silveiras
escoando ledicias e orballos!
¡Fuxiches como un anxo cheo de medo
polo vieiro brando dos teus soños!
Irmao: ¡como me doe a alma!
¡Deixaches o gando e os paxaros,
o murmurio calado do pai Miño,
a quietude infantil do noso pobo
e a gracia xentil das centeeiras!
¡Deixácheslle a nosa nai un oco grande,
unha dor inmensa que fire
como un longo coitelo traidor…!
¡Agora estás con Deus, sobor da terra,
E pódeslle pedir a Deus todos os paxaros!