A lembranza enmarcouse na celebración dos 130 anos do Colexio Médico-Farmacéutico da Coruña, do que Pérez Costales foi impulsor e primeiro presidente. Henrique Monteagudo participou no acto canda os presidentes dos colexios oficiais de de Médicos e Farmacéuticos da provincia da Coruña, Luciano Vidán e Sara Catrain; e os representantes das academias galegas de Medicina e Farmacia. A sesión incluíu unha conferencia do historiador Carlos González Guitián.
Ramón Pérez Costales foi ministro durante a I República española e formou parte das iniciativas que deron lugar á creación da Real Academia Galega. Fundou na Coruña un colexio de párvulos e un instituto de vacinación, e foi un dos promotores da Cociña Económica, ademais de estar á fronte da creación do Colexio de Médicos e Farmacéuticos da mesma cidade. Amigo persoal de José Ruiz Blasco, foi o primeiro mecenas na carreira do seu fillo Pablo Picasso.
Natural de Oviedo, trasladouse á Coruña co resto da familia cando destinaron o seu pai, funcionario de Facenda, a esta localidade. En 1854 rematou en Santiago de Compostela os estudos de Medicina, que comezara na súa vila natal, e casou con Petra Tilve. Logo de traballar durante dous anos en Santa Olalla (Toledo), regresou en 1858 á Coruña, onde empezou a exercer a medicina. En 1858 publicou a súa tradución do opúsculo de Depaul Tratado teórico y práctico de auscultación obstétrica e en 1861 acadou praza, por oposición, como médico castrense na Coruña.
Froito da súa experiencia como doutor castrense, publicou unha memoria sobre hospitais militares e un regulamento sobre exencións do servizo militar por causas fisiolóxicas que causaron malestar nos círculos militares. A raíz deste conflito, abandonou o exército para se dedicar ao exercicio da medicina privada na cidade da Coruña e participar activamente en política en defensa dos seus ideais democráticos.
Orador eximio e comprometido desde moi cedo coa causa republicana, co fracaso da sublevación do Cuartel de San Gil (1866) viuse obrigado a exiliarse en Portugal, onde ficou dous anos e proseguiu a actividade política escribindo pezas de contido revolucionario. Logo do triunfo da revolución Gloriosa de 1868, o derrocamento de Isabel II e o inicio do Sexenio Democrático, Costales regresou do exilio, enrolouse nas fileiras do Partido Republicano Federal e traballou na súa expansión territorial. O fracaso nas eleccións de 1869, levouno a fundar o xornal La Lucha Electoral e á publicación ese mesmo ano de La verdad de las aldeas, libro que tivo unha gran difusión na súa época e no que denuncia a precaria situación do campesiñado galego, a súa explotación pola banca e o estado monárquico, e no que defende un programa republicano de liberdades políticas e económicas. Ese mesmo ano foi un dos asinantes do Pacto Federal Galaico-Asturiano que propuña a creación dun estado asturgalaico no seo dunha república federal española.
En 1872 foi elixido deputado a Cortes pola Coruña e, ao ano seguinte, coa proclamación da I República en xuño, foi nomeado ministro de Fomento do goberno de Pi y Margall e presidente do executivo da República, cargo que exerceu durante menos de un mes. Despois da caída da República, Pérez Costales regresou á Coruña e pulou, o resto da súa vida política, pola reconstrución e reunificiación do partido dun Partido Republicano Federal envolto en fortes desavinzas internas entre os seus tres líderes, Pi y Margall, Nicolás Salmerón e Ruíz Zorrilla, que o levaron á irrelevancia política. En 1893 participou nas protestas cidadás contra o traslado da capitanía militar da Coruña, e foi un dos promotores da Xunta de Defensa Militar, o que lle custou unha breve pena de cárcere. En 1889 foi un dos iniciadores o Casino Federal e escollido concelleiro da cámara municipal coruñesa.
Dotado dun fondo sentido humanitario e filantrópico que lle outorgaron sona como médico dos pobres, en 1876 fundou un parvulario e un instituto de vacinación contra a varíola e a difteria. Dez anos máis tarde, en 1886, participou na creación da Cociña Económica da Coruña, aínda activa, e en 1894 na do Colexio Oficial de Médicos, do que foi o seu primeiro presidente. Tamén presidiu a Academia de Medicina e Cirurxía da Coruña. Emilia Pardo Bazán retratouno na súa novela La piedra angular, so a identidade ficticia do doutor Moragas, médico e filántropo.
Obra literaria
Como literato, participou asiduamente na prensa da época con poesías e artigos polémicos de contido político. Publicou dous libros de poemas El señor Juan (1883) e Perucho (1887), con limiar de Emilia Pardo Bazán. Realizou tamén un apropósito para o Entroido coruñés sobre a creación da Cociña Económica.
Amigo da familia Ruiz Picasso desde que o pai, José Ruiz Blasco, se instalou na Coruña para traballar na escola de Belas Artes, Costales foi o primeiro mecenas na carreira artística do seu fillo, Pablo Picasso, e o promotor da súa primeira exposición artística. O médico coruñés posuía varias obras do Picasso neno, quen realizou, así mesmo, un retrato del. Pérez Costales foi tamén quen subscribiu o informe médico que facilitou a marcha da familia Ruiz Picasso a Barcelona, grazas a unha permuta de José Ruiz co pintor coruñés Román Navarro, e acompañouna ata Málaga, onde permaneceu unha tempada, antes de regresar de xeito definitivo á Coruña tras unha breve parada en Madrid.
Logo da disolución de Folk-lore gallego, entidade fundada en 1884, presidida por Emilia Pardo Bazán e da que o propio Pérez Costales fora o seu vicepresidente, o médico foi en 1895 un dos iniciadores, canda outros intelectuais, dunha comisión xestora que tiña como fin a creación dunha “Academia Gallega”, obxectivo que non chegaron a acadar . Secasí, como recoñecemento ao seu labor precursor en defensa da lingua galega, foi nomeado un os primeiros membros honorarios da Real Academia Galega.