Lembranza de Roberto Blanco Torres

Roberto Blanco Torres naceu en Cuntis en 1891 e morreu asasinado o 2 de outubro de 1936. O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero lembra neste artigo, o día do seu cabodano, a quen foi un dos grandes xornalistas galegos do século XX. A Academia dedicoulle en 1999 o Día das Letras Galegas.

Roberto Blanco Torres

Quen foi un dos grandes xornalistas galegos do século XX, quen foi un excelente poeta en Orballo da media noite, quen foi un cidadán intelixente, nobre e superlativamente responsable, morreu o 2 de outubro de 1936. De feito, matárono, asasinárono. Foi nun tempo de barbarie e confusión, razón pola cal nin hoxe sabemos os nomes dos seus executores nin temos noticias precisas do lugar. O cadáver apareceu moi preto da aldea de Herdadiña, no Concello de Entrimo (Ourense). Por certo, esta precisión ("asesinado cerca de Herdadiña") procede dunha anotación manuscrita de Ramón Otero Pedrayo na marxe dereita da páxina 425 da Historia da literatura gallega de Benito Varela Jácome (Santiago, 1951). Este exemplar, que pertenceu a don Ramón, obra hoxe na Biblioteca Penzol. Debemos esta pista ó profesor Ramón Nicolás.

En 1999 dedicóuselle o Día das Letras Galegas a este grande escritor, que era, como poeta, unha voz moderna e auténtica, e, como periodista, unha pluma única da mellor estirpe: a de Manuel Pardo de Andrade, a de Curros Enríquez, a de Antón Villar Ponte, a de Eduardo Blanco-Amor… Co gallo do Día, a Real Academia Galega publicou unha colectánea de textos (en galego e castelán) titulada Letras Galegas. Son sagaces e brillantes incursións no universo literario de Rosalía, Curros, Leiras Pulpeiro, Cabanillas, Castelao, Manuel Antonio… Cumpriría reparar nunha páxina que era, nese momento, o único achegamento crítico á tradución galega que fixo, en 1868, José García Mosquera de Epodo II de Horacio (Beatus ille…) Nesa páxina, gabando ó tradutor, pon o acento na pulcritude e na fidelidade da tradución ó texto orixinal.

Pero Blanco Torres non morreu só. A súa morte lembra a de Federico García Lorca, flanqueado por dous banderilleiros ós que tamén executaron o 19 de agosto de 1936 en Víznar (Granada). Con Roberto Blanco Torres caeron, tamén, dous homes do común, un escribente de 28 anos, Rizal Villanueva, e un ebanista de 42, Eulogio Vázquez. Un poeta moi pouco citado, Santiago Novo, escribiu para eles, en 1999, este breve epicedio:


Oito versos para Euloxio e Rizal
Nin bronces, nin coroas, nin loureiros
contan para nós a vosa memoria.
Virán tempos mellores, camaradas,
e todos cantarán a vosa gloria,
as proezas sinxelas das nobres vidas,
aínda moi lonxe da súa vitoria.
Mentres tanto, desde aquí, compañeiros,
saúde para vós, soldados da historia.