Aureliano J. Pereira.
Nado en Lugo o 22 de xaneiro de 1855 no seo de familia humilde, e finado en Madrid o 31 de outubro de 1906, Aureliano José Pereira de la Riva, quen asinaba os seus artigos como Aureliano J. Pereira, amosou desde moi cedo as súas grandes aptitudes para o exercicio da escritura xornalística e a súa vontade de participar nos debates políticos do seu tempo.
Neste segundo aspecto, o historiador Ramón Máiz sinala o seguinte no seu libro Aureliano Pereira. Escritos sobre Federalismo e Galeguismo (Centro Ramón Piñeiro, 2006): "o que fai a Aureliano Pereira un caso único no seo do galeguismo do século XIX é a articulación estreita e orixinalísima do rexionalismo cultural e político co federalismo republicano, sen erosionar ou degradar a súa síntese ningún de ambos os dous compoñentes".
Un ideario político que asumía tamén como propios -alén dos principios do federalismo, a democracia e o progresismo social- a denuncia do caciquismo, o laicismo e a vindicación dos dereitos da muller, o que o achegaba ás posicións que naquela altura representaba o círculo rexionalista coruñés de Murguía, de signo liberal, e o enfrontaba coa concepción conservadora da rexión que defendían os rexionalistas santiagueses organizados arredor de Alfredo Brañas.
Na páxina web da Real Academia Galega contamos cunha extensa mostra dos escritos pereirianos -quer da súa faceta xornalística, que se poden consultar aquí, quer da estritamente literaria e ensaística, dispoñibles nesta ligazón- entre as que salientamos, pola súa singularidade, o ensaio breve El Regionalismo y la poesía gallega (1895), no que iguala de xeito explícito a importancia do quefacer político e o cultural no programa rexionalista: "He enlazado con aquélla el Regionalismo, no caprichosamente, sino porque, en efecto, los poetas han sido los precursores y fundadores de aquél".
No que atinxe ao seu labor xornalístico, cómpre subliñar que Aureliano J. Pereira foi un dos primeiros intelectuais galegos conscientes da necesidade de fundar unha Academia co fin de unificar a forma culta do galego, como se pode comprobar neste artigo publicado en Galicia, revista regional en 1887, no que denuncia a situación de "completa anarquía" que imperaba na ortografía empregada polos escritores galegos do seu tempo.